Que fai o Instituto Galego do Consumo?
Que fai o Instituto Galego do Consumo?
Fundouse hai 30 anos e entre as súas funcións están defender os consumidores e avaliar a seguridade dos produtos non alimentarios
Que a roupa infantil non leve cordóns nas carapuchas, ou que os bodys dos bebés non teñan corchetes que poidan desprenderse son normas de seguridade que dalgunha maneira teñen orixe galega.
Hai 30 anos que se creou o Instituto Galego do Consumo que, ademais de defender os consumidores diante de calquera abuso, ten un laboratorio para rastrexar fallos de seguridade nos produtos que chegan ao mercado.
Xoguetes, roupa, aparellos eléctricos ou aditivos químicos. Nestes laboratorios avalían a seguridade dos produtos industriais non alimentarios.
"Se atopamos que non son seguros, comunícase a unha rede de alerta que retira os produtos do mercado e que incoa o expediente sancionador, porque as empresas non poden poñer produtos inseguros no mercado. E participamos nos grupos que elaboran a normativa tanto na Unión Europea como en España", explica Natalia Crespo, directora do Laboratorio de Consumo de Galicia.
Son o único laboratorio público acreditado para facer estes estudos, así que o que aquí determinen dá orixe a alertas e normas que cambian o mercado.
"Ocórrenseme por exemplo os cordóns, lazos, pezas pequenas que podan desprenderse das prendas. Foi impresionante, que agora que analizamos bodys, é moi difícil que se desprendan broches a presión", conta Juana Ferreiro, xefa de sección no laboratorio.
Fan cousa de 600 estudos ao ano: ben de oficio, ben por reclamacións de consumidores ou de mostras que chegan doutras comunidades autónomas. Son un dos piares do Instituto Galego de Consumo, creado hai 30 anos para defender os consumidores diante de calquera abuso.
"Esa capacidade de reclamar, de facer valer os nosos dereitos. Aí tamén hai un importante labor de formación por parte da Escola Galega de Consumo", apunta Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego de Consumo.
Celebran este 30 aniversario e fan balance: o instituto atendeu case un millón de consultas e tramitou 500.000 reclamacións para protexer os dereitos dos consumidores galegos.