Publicador de contidos
Publicador de contidos

A reclamación en liña chegará a unha centena de supermercados galegos en novembro

A reclamación en liña chegará a unha centena de supermercados galegos en novembro

Trátase dun proxecto piloto promovido pola Xunta que servirá como complemento das follas de reclamación, de xeito que se axilice o proceso

Funciona cun código QR, que permite acceder a un formulario no que complementar os datos persoais e o motivo da reclamación

Este procedemento chegará en 2025 ás compañías eléctricas e telefónicas, que son as que acumulan máis queixas

Código QR que escanear para realizar as reclamacións
G24.gal 31/10/2024 16:07

A Xunta prevé que o seu proxecto piloto de reclamación en liña chegue a un centenar de supermercados en novembro. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou este xoves en Ourense un dos establecementos adheridos.

A maiores, o obxectivo é chegar en 2025 ao sector servizos, en concreto ás compañías eléctricas e de telefonía, xa que son as que máis reclamacións reciben.

Así o fixeron saber o titular de Emprego que estivo acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alen, e a xerente do Instituto Galego de Consumo e de Competencia, Sol Vázquez, nun dos establecementos adheridos a este proxecto en Ourense, a florería El Jardín.

González explicou que este proxecto persegue axilizar o proceso de reclamacións e garantir a protección dos dereitos de consumidores e usuarios, como complementos das actuais follas de reclamacións, avanzando na "simplicidade, axilidade e eficacia" do proceso.

O procedemento funciona a través do escaneo dun código QR, que redirixe a un formulario virtual no que se complementan os datos persoais e o motivo da reclamación, que se remite de maneira electrónica á empresa. De forma automática recíbese un correo electrónico anotando día e hora da presentación da reclamación e indicando que se abre prazo dun mes para recibir resposta.

Transcorrido ese prazo, se non se obtén ou se é insatisfactoria, o consumidor pode presentar unha nova reclamación directamente ao Instituto Galego de Consumo e de Competencia (IGCC). Para facelo pode usar unha ligazón que xa se inclúe no propio correo.

O conselleiro puxo en valor o proxecto no marco do traballo do IGCC, que se caracteriza "pola simplificación administrativa, a gratuidade e a eficacia na resolución dos conflitos en materia de consumo".

Case 29.000 consultas por consumo

Ademais, lembrou que se cumpren 30 anos da súa posta en marcha e subliñou que nos primeiros nove meses deste 2024 atendeu case 29.000 consultas.

Tamén puxo de relevo o papel do Laboratorio de Consumo de Galicia, que analizou máis de 10.000 referencias do mercado galego desde o inicio da súa actividade e "como consecuencia destas análises Galicia encabeza a comunicación de produtos inseguros á rede de alerta nacional", con ao redor de 1.800 comunicados desde o 2005.

Así mesmo, expuxo que Galicia é a única comunidade que compra produtos por Internet para a súa análise, coa vontade de chegar ao mercado global e a referencias que non se atopan no comercio físico.

Así pois, indicou que o labor do IGCC verase reforzado o próximo ano cun orzamento de 7,4 millóns de euros e seguirase apostando polo comercio cun novo plan estratéxico 2025-2030 de medidas de apoio como os bonos Activa Comercio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade