Pais, docentes e compañeiros deben combater xuntos o acoso escolar
Pais, docentes e compañeiros deben combater xuntos o acoso escolar
Jero García, experto na materia, impartiu hoxe unha conferencia na Coruña sobre esta materia
Pedir axuda a tempo é fundamental. O teléfono 900 018 018 atende as vítimas de acoso escolar.
Só é preciso escoitar durante uns poucos segundos unha vítima de acoso escolar para facerse unha idea do dano que pode provocar. De por vida.
"Facer bullying é gastar bromas moi fortes sen control. Co propósito de facer enfadar ou de que a outra persoa se desespere. Como me pasou a min...", dicía hoxe na Coruña un mozo nunha charla de concienciación.
Ter a valentía de falar en público de algo tan traumático xa é un éxito. O que Jero García, exboxeador e agora conferenciante sobre este tema, chama "levantarse da lona".
"Moitas veces derrubámonos porque non temos un faro entre a néboa, un sitio ao que ir, porque cremos que non pertencemos a ningures. E por iso sempre é moi importante pedir axuda", explicou García na charla.
Pero ás veces non é posible poñerse en pé se non hai unha man tendida.
"Estou axudando unha rapaza á que lle custa ir ao instituto. Como me di miña nai, 'ser boa persoa non custa nada'", explicounos unha das rapazas asistentes.
Algúns in situ e outros moitos a través de Internet, estudantes e profesores de vinte centros asistiron hoxe a unha charla na que Jero García lembrou que o bullying non fixo máis que agravarse por culpa das redes sociais. Por iso os pais tamén son parte fundamental da ecuación.