A Xunta modifica o Eixe de Mobilidade de Sar para afastalo do Banquete de Conxo
A Xunta modifica o Eixe de Mobilidade de Sar para afastalo do Banquete de Conxo
Aproveitará as plataformas existentes do aparcadoiro do Hospital de Conxo, sen afectar o número de prazas, para afastarse da zona do Banquete e eliminar os cruces polo río Sar
Algunhas partes poderán abrirse entre finais deste ano e principios de 2025
A intervención forma parte da creación dun eixo máis amplo que conectará O Milladoiro, o CHUS, a intermodal e San Caetano: case 13 quilómetros que suporán un investimento de case 12 millóns de euros
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou este xoves a modificación do Eixe de Mobilidade entre Milladoiro e San Caetano, que discorre a beiras do río Sar e que se afasta agora da zona do Banquete de Conxo, tras as queixas veciñais.
Acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, informou deste trámite que este xoves publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). No prazo dun mes, os interesados poderán trasladar suxestións con relación á nova alternativa.
Insistiu en que se executan variacións en aras do "consenso" e non porque o proxecto non fose "completamente viable" e "respectuoso" coa contorna e coa iniciativa de restauración exposta para a zona de Conxo polo Concello de Santiago.
Así, explicou que o novo proxecto, aínda que presenta "peores" características xeométricas", con algo máis de pendente, "segue sendo funcional".
Agora, aproveita as plataformas existentes do aparcamento do Hospital de Conxo -asegurou que isto non afectará o número de prazas, que se reordenan e mesmo se consegue unha maior eficiencia- para afastarse da zona do Banquete e eliminar tamén desta forma os cruces polo río Sar.
Sáese así completamente do Plan Especial de Conxo e dá continuidade ao espazo ciclista pola zona e aos peóns polas sendas xa existentes.
Tamén atende a petición do Concello de Santiago para evitar aproximarse aos hortos urbanos na contorna da rúa Clara Campoamor.
"Buscando o máximo consenso e cun maior coñecemento do terreo, propoñemos un novo trazado que axude a sacar o foco desta problemática que vén enfocando nos últimos meses e volver centrarnos en que se está creando unha infraestrutura de futuro para toda a área metropolitana", esgrimiu Menéndez.
Para chegar a este punto, tal e como detallou, analizáronse tres propostas: a inicial da Xunta, a do Concello de Santiago e unha terceira, a escollida, en base a parámetros como a seguridade, o impacto ambiental, cultural e social, a funcionalidade e o custo.
Con todo, o director da Axencia de Infraestruturas reivindicou en varias ocasións a "viabilidade" do proxecto inicial, que se baseaba nunha pista "executada polo Concello, sen practicamente ningunha modificación" e nunha zona xa "fortemente antropizada pola execución de obras ferroviarias e polo colector do río Sar, obras moitísimo máis agresivas do que formulaba o proxecto".
Respecto ás críticas dos veciños, Menéndez comentou que se lles convocará para explicarlles a proposta, pero remarcou que "se entendemos que a bicicleta é unha alternativa de mobilidade, hai que facer cousas para que así sexa".
"Esta é unha postura razoable. O que teñen que entender é que quizais a día de hoxe igual non é moi razoable que unha persoa discapacitada, por exemplo, non poida achegarse ao Banquete. Aínda así, non nos achegamos, pero cremos que mellora moito a accesibilidade", apuntou.
"O proxecto está correctamente tramitado"
Nesta mesma liña, e respecto a as dilixencias abertas por un Xulgado de Santiago e a Fiscalía Europea sobre a denuncia de Ecoloxistas en Acción, Menéndez mostrou a súa tranquilidade.
"De forma técnica e apaixonada, consideramos que é unha boa solución da que sentirse orgullosos (...) Temos solicitudes de información. O proxecto está correctamente tramitado. Que haxa unha parte da poboación á que non lle guste é unha cousa, e que haxa un problema xudicial, outro", asegurou.
Así mesmo, puntualizou que é "evidente" que durante a execución das obras hai a "necesidade" de abrir unha plataforma para despois executala, "pero o resultado final non ten nada que ver co momento de execución das obras".
Por último, reivindicou que con este tipo de actuacións a Xunta pretende poñer a Santiago á altura das grandes capitais europeas en mobilidade ciclista, "con mellores criterios de respecto e integración".
Sobre os avances do eixo en si mesmo, comentou que van "a bo ritmo" e que algunhas partes poderán abrirse entre finais deste ano e principios de 2025.
A intervención forma parte da creación dun eixe máis amplo que conectará o Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e San Caetano: case 13 quilómetros que supoñerán un investimento de case 12 millóns de euros.
As actuacións están amparadas polo programa europeo de Fondos Next Generation "co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera".