Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cortes de tráfico no viaduto do Castro na A-6, sentido Madrid, para proceder á extensión do firme

Cortes de tráfico no viaduto do Castro na A-6, sentido Madrid, para proceder á extensión do firme

Estímase que os traballos se prolongarán ata o martes 26 de novembro ás 22:00 horas, tras o cal se restituirá o tráfico en sentido Madrid polo tronco da autovía

O itinerario alternativo para o tráfico en sentido Madrid realizarase a través da N-6 e A-6 entre os puntos quilométricos 432 a 422 desta última, e estará convenientemente sinalizado

G24.gal 18/11/2024 08:47 Última actualización 18/11/2024 14:39

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible informou de cortes de tráfico no viaduto do Castro da autovía A-6, en sentido Madrid, durante unha semana desde este luns. Esta infraestrutura, que comunica os termos municipais de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e Veiga de Valcarce (León), colapsou en xuño de 2022, cando se derrubou parte do viaduto.

Unha vez realizados os traballos previos, tal e como se anunciou, procederase á extensión do firme definitivo na devandita calzada e á execución das xuntas de dilatación dos viadutos, entre os quilómetros 431 e 430 da A-6, no tramo que cruza as provincias de Lugo e León.

Por iso, e para garantir a seguridade dos usuarios e traballadores, procederase a cortar o tráfico da calzada en sentido Madrid da autovía A-6 entre os quilómetros 432 e 422. O corte da autovía producirase este luns  e estímase que os traballos se prolongarán ata o martes 26 de novembro ás 22:00 horas, tras o cal se restituirá o tráfico en sentido Madrid polo tronco da autovía. 

Durante máis dunha semana, todo o tráfico que sae de Galicia para a Meseta volve pasar pola nacional sexta  e a atravesar Pedrafita do Cebreiro. Transportistas, condutores e veciños de Pedrafita volven á situación de 2022 cando, tras a caída do viaduto, todo o tráfico tiña que atravesar si ou si o concello para chegar ao seu destino.

As obras no viaduto do Castro, que se derrubou en xuño de 2022, continúan sen ter data para a súa reapertura, aínda que dende o Ministerio de Transportes manifestaron, en diversas ocasións, que os traballos estarían rematados a finais deste ano. 

As obras de reconstrución dos viadutos do Castro manteñen en servizo a calzada esquerda no tramo afectado desde decembro de 2023 cun carril de circulación en sentido Madrid. O itinerario alternativo para o tráfico en sentido Madrid realizarase a través da N-6 e A-6 entre os puntos quilométricos 432 e 422 desta última, e estará convenientemente sinalizado.

No ministerio lembran a importancia de respectar a sinalización provisional de obras e as limitacións de velocidade para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade