Prisión provisional para o acusado de acoitelar un home en Carballo
Prisión provisional para o acusado de acoitelar un home en Carballo
Trátase dun mozo de 18 anos que foi detido o venres na casa do seu pai
A vítima, de 79 anos, tivo que ser trasladada ao hospital por unha ferida no tórax
Prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o mozo de 18 anos acusado de apuñalar outro home cun coitelo o pasado venres no concello coruñés de Carballo. Así o decretou a xuíza do Xulgado de Instrución número 2 da localidade, cando estaba en funcións de garda.
Segundo trasladaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), investígano por tentativa de homicidio.
Os feitos, tal e como confirmaron fontes da Garda Civil, ocorreron pasadas as 20:00 horas do venres na zona de Cances Grande. Ata alí desprazáronse os axentes ao recibir a alerta de que se producira un acoitelamento. Unha vez no punto, os funcionarios atoparon a Manuel, un home de 79 anos que con feridas polo que tamén se alertou ao 061.
Tras ser trasladado a un centro hospitalario, a Benemérita comezou unha procura nas inmediacións para dar co agresor. Minutos despois foi arrestado na casa do seu pai un mozo de 18 anos como suposto autor dos feitos.
O suposto agresor apenas levaba dous meses vivindo en Cances, tras mudarse aí para vivir co seu pai.