Publicador de contidos
Publicador de contidos

En estado grave un veciño de Carballo que recibiu unha coitelada no tórax

En estado grave un veciño de Carballo que recibiu unha coitelada no tórax

A Garda Civil detivo un mozo de 18 anos como presunto agresor

G24.gal 16/11/2024 20:50

Un veciño de Cances Grande, en Carballo, permanece grave no Complexo Hospitalario da Coruña, onde ingresou o venres logo de recibir unha coitelada no tórax. A Garda Civil detivo o presunto agresor, un mozo de dezaoito anos que se trasladou á aldea hai apenas dous meses para vivir co seu pai.

Na aldea hai hermetismo arredor do suceso. A Garda Civil continúa investigando sobre o terreo, buscando sinais, pegadas que permitan artellar o relato dos feitos. Na tarde do sábado, a Policía Xudicial reconstruíu os pasos do presunto agresor na súa fuxida e volveu examinar a casa de Manuel, o home de 79 anos que quedou gravemente ferido.

Sobre as oito da tarde do venres, varias testemuñas víronos forcexando no chan neste punto. O veciño que intentou separalos reparou en que había moito sangue e inmediatamente chamou a emerxencias e alertou as autoridades. 

Os sanitarios desprazados conseguiron estabilizar e monitorizar o ancián, que ingresou no CHUAC en estado crítico cunha ferida por arma branca no tórax. O mozo que presuntamente o acoitelou foi localizado e detido pouco despois preto do lugar, na casa do pai. Foi trasladado ao hospital con cortes nas mans. Apenas leva dous meses vivindo en Cances e pouco saben del os seus veciños, aínda que na aldea aseguran que ten problemas de saúde mental. 

Polo momento descoñécese cal foi o detonante deste caso, sobre o que a veciñanza prefire gardar un silencio prudente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade