A actividade vai regresando á praza de abastos de Santiago tras a morte do carniceiro
A actividade vai regresando á praza de abastos de Santiago tras a morte do carniceiro
A dor e a tristura son a nota predominante unha semana despois do tráxico suceso
Hoxe é o primeiro día en que o mercado de abastos compostelán retoma un pouco a normalidade e a afluencia de xente tras o tráxico suceso do pasado martes, que rematou coa morte do carniceiro Antonio Costa. O seu posto habitual segue pechado. Tras o impacto dos primeiros días, a entrada en prisión dos culpables, a fin de semana e un luns de pouca actividade, na mañá de hoxe o mercado volvía mostrar unha imaxe máis habitual.
Pero polo momento é só iso, unha aparencia, xa que todo aquí lembra o que aconteceu o pasado martes. Os crespóns negros, os ramos de flores, as mensaxes e sobre todo os compañeiros de Antonio e clientes habituais que aínda non asimilan o sucedido.
En xeral a praza mostra un ambiente enrarecido, en que a xente ten poucas ganas de falar, algo que presumen aínda durará bastante tempo, mentres tratan pouco a pouco de continuar coas súas vidas e negocios e saír adiante coa lembranza de Antonio e do que lle sucedeu aínda moi presente.