Desartellada en Lugo unha banda que vendía droga xunto a varios centros escolares
Desartellada en Lugo unha banda que vendía droga xunto a varios centros escolares
No domicilio dun implicado, que ingresou en prisión, comisáronse 300 doses de heroína
A policía detivo tres persoas que presuntamente se dedicaban a vender droga en Lugo. Trátase dunha muller e de dous homes, que supostamente subministraban heroína nas proximidades de varios centros escolares no sur da cidade.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "A venda era de heroína, coa gravidade de que estaba moi cerca de dous centros escolares. Entón, insistiuse durante moito tempo coas investigacións e coas vixilancias".
Tamén no sur de Lugo, os axentes rexistraron a vivenda do principal implicado nesta rede. Nela comisaron máis de 300 doses de heroína, utensilios para a súa manipulación e 2.500 euros en efectivo.
Pola súa parte, os colectivos de nais e pais amosáronse preocupados e, ao mesmo tempo, aliviados.
Doris Paz, presidenta da ANPA do CEIP Illa Verde: "Por unha parte, a preocupación por non ser conscientes de que isto acontece. E por outra, é moi positivo o desartellamento. É importante que arredor dos centros educativos haxa un perímetro de seguridade".
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "É un éxito na loita contra os puntos de venda de droga. Tanto pola cantidade retirada, como polas persoas integrantes deste clan, co ingreso en prisión dunha delas, como pola situación ao carón de dous centros escolares".
Tanto os dous detidos que quedaron en liberdade como o que ingresou en prisión tiñan antecedentes por feitos similares.