A rede de narcotráfico que caeu na Costa da Morte agochaba 8,5 quilos de droga
A rede de narcotráfico que caeu na Costa da Morte agochaba 8,5 quilos de droga
A operación, denominada Ballena, rematou con once persoas detidas e catro delas ingresaron en prisión
As forzas de seguridade realizaron dez rexistros en Corcubión, Carballo, Muros e na Illa de Arousa
A rede de narcotráfico que caeu o mes pasado na Costa da Morte, cunha ramificación na comarca de Arousa, foi sorprendida con 5,5 quilos de cocaína, tres quilos de haxix e 56.000 euros en efectivos.
O Servizo de Vixilancia Aduaneira, da Axencia Tributaria, e a Policía Nacional desartellaron a organización criminal nunha operación dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión que rematou con 11 persoas detidas. Catro delas ingresaron en prisión.
A investigación, denominada Ballena, iniciouse a principios de ano, cando se detectou a presenza dun cidadán galego, residente en Cee e con antecedentes penais por tráfico de drogas, que transportaba substancias estupefacientes para distintas organizacións delituosas.
Vehículos de alugueiro
Segundo a Policía, empregaba vehículos de alugueiro e algúns dotados con caleta, un sistema de ocultación da droga deseñado no interior dos coches. Tamén se detectou actividade en Carballo, onde reside o seu principal socio na organización.
Durante a investigación, o líder da rede viaxou por España para manter numerosas entrevistas con persoas pertencentes a outras organizacións criminais e así preparar a introdución en España de importantes cantidades de droga vía marítima.
O home utilizaba terceiras persoas para o transporte da droga. A Policía Nacional deulle o alto a un transportista nunha desas viaxes, atopando no interior do vehículo cinco quilos de cocaína, polo que foi detido.
Rexistros en Galicia
Unha vez identificados todos os membros da organización, procedeuse a realizar dez dilixencias de entrada e rexistro en Corcubión, Carballo, Muros e na Illa de Arousa.
En total, incautáronse de 5,5 quilos de cocaína, tres quilos de haxix e 56.000 euros en efectivo, ademais de varias armas de fogo simuladas e unha real, catro vehículos -tres co sistema de ocultación de droga-, básculas de precisión e documentación.
Catro das once persoas detidas ingresaron en prisión, aínda que a investigación segue aberta e non se descartan novas detencións.