O "control" de Miñanco era tal que ata tiña información de coches policiais
O "control" de Miñanco era tal que ata tiña información de coches policiais
Declarouno un xefe da Policía Nacional no xuízo contra Prado Bugallo polo alixo de case catro toneladas de cocaína en 2017 e a ocultación de máis de 11 millóns
Un xefe da Policía Nacional encargado da operación Mito dixo no xuízo que a rede do histórico narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, tiña "tentáculos que chegaban a sitios moi afastados" que lle permitían mesmo recibir datos de coches policiais.
A Audiencia Nacional celebrou este mércores a terceira xornada do xuízo, no que sentan no banco 46 acusados, entre eles Sito Miñanco, para quen a Fiscalía pide 31 anos e seis meses de prisión polo intento de introdución en España en 2017 de case catro toneladas de cocaína procedente de Suramérica, a ocultación de máis de 11 millóns de euros e o branqueo do diñeiro.
Tamén é xulgado Gonzalo Boye, o coñecido avogado do expresidente de Cataluña Carles Puigdemont, que se enfronta a unha petición do Ministerio Público de 9 anos e 9 meses de prisión por supostos delitos de branqueo de capitais e falsificación de documento oficial.
Na sesión deste mércores testificou o que era o inspector xefe do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO) da Policía Nacional na Costa do Sol cando tivo lugar a investigación e que participou no rexistro no domicilio de Sito Miñanco en Alxeciras tras a súa detención o 5 de febreiro de 2018.
Destacou que, entre outros efectos, incautáronselle case 400.000 euros en metálico, un teléfono móbil encriptado e un folio e medio con anotacións de vehículos policiais.
"Entendo que esta información chegáballe dos seus tentáculos, que alcanzan sitios moi afastados, pois tiña datos de vehículos policiais, como matrículas, entendo que para asegurar os seus desprazamentos", comentou o responsable policial.
A testemuña corroborou que durante a investigación deste caso o 2 de outubro de 2017 foi abordado nas Azores o buque Thoran, no que se incautaron 3.305 quilos de cocaína procedente do Ecuador que a organización de Sito Miñanco comprou a subministradores colombianos, e o 9 de novembro seguinte foron intervidos 615 quilos da mesma droga nunha nave en Países Baixos.
O xefe policial ha manifestado que o provedor colombiano da droga quixo saber que pasara e chegou a ameazar ao acusado Luis Enrique García Arango, considerado lugartenente de Sito Miñanco. E engadiu que estes, á súa vez, presionaron ao responsable da entrada da droga nos Países Baixos, tamén acusado neste xuízo, para que acreditase que a cocaína fora realmente interceptada e non roubada.
O responsable policial dixo que aínda que pareza "incrible" tras as caídas destas dúas operacións de narcotráfico a organización de Sito Miñanco "recompúxose" e mesmo comezou a preparar senllos transportes de mil e oitocentos quilos de cocaína procedente de Suramérica.
900.000 euros comisados en Baraxas
Tamén testificou un xefe de grupo da Brigada de Estupefacientes da Policía Nacional de Madrid, que dixo que centraron as súas pescudas en Luis Enrique García Arango, "que era o home de confianza de Sito Miñanco, que contactaba cos subministradores da droga en Colombia e levaba a contabilidade".
Esta testemuña confirmou que o 5 de febreiro de 2017 foron confiscados no aeroporto de Madrid Baraxas case 900.000 euros a cinco dos acusados da organización de Sito Miñanco cando se dispoñían a viaxar a Colombia para realizar pagos aos subministradores da droga.
Engadiu a testemuña que para recuperar o diñeiro confiscado García Arango manifestou que lle encargaría ao avogado Gonzalo Boye os trámites necesarios e que este participou nunha reunión en Madrid con persoas de confianza de Sito Miñanco, na que se comentou que "tiña contactos co Banco de España e falaron de usar para iso unha especie de letras".
Gonzalo Boye, que representou a Sito Miñanco como avogado noutras causas, está acusado de falsificar documentos para xustificar a procedencia dese diñeiro e recuperalo.