Falece un operario no Porriño tras ser atropelado polo seu propio camión
Falece un operario no Porriño tras ser atropelado polo seu propio camión
Un compañeiro avisou aos servizos de emerxencia, indicando que o condutor do camión fora atropelado polo seu vehículo e estaba atrapado entre este e o cargadoiro
Un operario faleceu na tarde deste mércores na localidade pontevedresa do Porriño tras ser atropelado polo seu propio camión.
Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 15:30 horas no lugar da Pereira e foi un compañeiro do home o que avisou aos servizos de emerxencia, indicando que o condutor dun camión fora atropelado polo seu vehículo e estaba atrapado entre este e o cargadoiro.
🔴#AXEGAInforma dun traballador falecido
— 112 Galicia (@112Galicia) November 20, 2024
📍A Pereira, #OPorriño
▶️Ao seu camión soltóuselle o freo e empurrouno contra o molle de carga
🚨Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros Porriño, Policía Local e @guardiacivil, Protección Civil do Porriño pic.twitter.com/Ypu45tOcJU
Así, deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño, a Protección Civil e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.
O propio alertante, para liberar á vítima, moveu o camión, que perdera o freo e deixara atrapado ao condutor contra o cargadoiro. A pesar de todo, os profesionais sanitarios non puideron salvar a vida do operario.