Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia e Madrid homenaxean no Porriño a Antonio Palacios, "embaixador co seu legado arquitectónico"

Galicia e Madrid homenaxean no Porriño a Antonio Palacios, "embaixador co seu legado arquitectónico"

Rueda destaca "o amplo legado arquitectónico dentro e fóra de Galicia" de Palacios, sendo un "embaixador" da Comunidade

Díaz Ayuso: "Non se entende o Madrid do século XX sen el"

Os presidentes autonómicos de Galicia e Madrid, Alfonso Rueda e Isabel Díaz Ayuso, xunto ao alcalde madrileño e o presidente de Prensa Ibérica
G24.gal 25/10/2024 16:09

A localidade pontevedresa do Porriño acolleu este venres un acto organizado por Prensa Ibérica para conmemorar o 150º aniversario do nacemento de Antonio Palacios, onde se destacou ao arquitecto como un "embaixador de Galicia" polo seu legado "dentro e fóra da Comunidade".

Á homenaxe, levada a cabo nunha carpa situada na Praza do Cristo, acudiu máis dun cento de persoas, contando con autoridades como a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o alcalde madrileño, José Luis Martínez-Almeida; o presidente galego, Alfonso Rueda; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, ou o presidente de Prensa Ibérica, Javier Moll

Alfonso Rueda foi o encargado de pechar o acto, poñendo o foco no "amplo legado arquitectónico dentro e fóra de Galicia" de Palacios, sendo un "embaixador" da Comunidade. Rueda insistiu en que o arquitecto "sempre reivindicou a súa condición de galego" e apostilou que a arquitectura axuda a configurar "a identidade e o carácter" das cidades. "As persoas pasamos, pero as obras son as que perduran e a arquitectura é un bo exemplo", sentenciou.

Pola súa banda, Martínez Almeida celebrou o "irmanamento" de Galicia e Madrid con Palacios, asegurando que Galicia "é a súa segunda casa". O alcalde madrileño destacou a grandeza das obras do arquitecto, como o Palacio das Telecomunicacións ou o Círculo de Belas Artes, que permitiron que Madrid pasase a ser unha "gran cidade monumental", polo que está "profundamente agradecido" co galego.  

Palabras semellantes pronunciou a presidenta da comunidade madrileña. Isabel Díaz Ayuso mostrou o seu orgullo polas obras de Palacios, xa que "non se entende o Madrid do século XX sen el". Ayuso falou da importancia para Madrid de todos os foráneos. "Madrid é a segunda casa de todos", dixo, para poñer en valor as "obras admirables" que Palacios deixou alí.

Durante o acto, o presidente de Prensa Ibérica, Javier Moll subliñou o "irmanamento" que supón un acto destas características, sendo a "maior homenaxe institucional posible" para Palacios. Tras nomear moitas das súas obras, preguntouse "como un só home foi capaz de construír todos eses edificios".

Puxo en valor o legado do arquitecto galego, "madrileño de adopción", e indicou que esta homenaxe é á súa vez "un broche de ouro ás celebracións do 170 aniversario de 'Faro de Vigo".

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade