Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detectan larvas de mosquito tigre no Porriño

Detectan larvas de mosquito tigre no Porriño

Farase vixilancia do vector e avaliarase a necesidade de ampliar a observación colocando novas trampas

O Concello súmase como integrante ao comité técnico do mosquito tigre, ao que xa pertencen Moaña, Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela

Imaxe de arquivo dun mosquito tigre
G24.gal 05/11/2024 19:41

A Xunta detectou a presenza de larvas de mosquito tigre no concello pontevedrés do Porriño. Fíxoo a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.

Nos labores de seguimento en concellos próximos á área de distribución coñecida do mosquito tigre en Galicia detectouse presenza de larvas na zona da Relva. Ao ser detectada en estado larval, explicou a Xunta nunha nota de prensa, todo parece indicar que a súa poboación está introducida.

Así, desde a ReGaViVec, e en colaboración co Concello, farase vixilancia deste vector e avaliarase a necesidade de ampliar a observación colocando novas trampas.

Deste xeito, O Porriño súmase agora aos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que previsiblemente se volverá a reunir na segunda quincena de novembro.

Neste contexto, a Consellería de Sanidade agradeceu a participación dos veciños seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou zika, aínda que ningún dos exemplares localizados ata o momento en Galicia son portadores.

O departamento autonómico lembrou que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas como eliminar puntos de auga estancada en bebedoiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións, co seu baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

Doutra banda, sinalou que mantén un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas para promover a descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotos para o seu estudo por parte de especialistas en entomoloxía, quen confirmará se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade