Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interceptan un pesqueiro con 4.500 quilos de cocaína que se dirixía a Galicia

Interceptan un pesqueiro con 4.500 quilos de cocaína que se dirixía a Galicia

O 'Gloria Figueroa', de bandeira panameña, estivera vixiado pola Policía Nacional no Porto de Vigo polas sospeitas de que puidera estar relacionado co narcotráfico

Os GEO, nunha operación en colaboración coa DEA, detiveron aos 15 tripulantes do pesqueiro, dos que o capitán é de nacionalidade francesa e o resto ecuatorianos

A operación segue aberta, e a droga incautada tería un valor no mercado duns 80 millóns de euros

O "Gloria Figueroa" navegaba a 500 millas ao oeste das Illas Canarias
G24.gal 15/11/2024 15:36 Última actualización 15/11/2024 18:45

A Policía Nacional interviu un cargamento de máis de 4.000 quilos de cocaína a bordo dun pesqueiro de bandeira panameña, o 'Gloria Figueroa', que navegaba a unhas 500 millas ao oeste das illas Canarias e que presumiblemente ía ser desembarcada por grupos de narcotráfico asentados nas Rías Baixas.

O buque foi abordado, con apoio da patrulleira 'Atalaia' da Armada, na madrugada do 12 de novembro, por membros do Grupo Especial de Operacións (GEO) tras unha investigación levada a cabo en colaboración coa Administración de Control de Drogas (DEA polas súas siglas en inglés). Tras ser interceptado en alta mar, os axentes detiveron aos 15 tripulantes do pesqueiro, dos que o capitán é de nacionalidade francesa e o resto ecuatorianos.

Esta operación, que segue aberta, permitiu incautar máis de 4.000 quilos de cocaína que terían un valor sen tratar de aproximadamente 80 millóns de euros, segundo apuntou este venres o delegado do Goberno en Canarias, Anselmo Pestana.

A investigación iniciouse cando a DEA alertou de que unha organización criminal podería levar a cabo o transvasamento dunha gran cantidade de cocaína entre dous buques en alta mar. O pesqueiro foi sancionado con anterioridade polas autoridades panameñas por cometer infraccións graves e revogóuselle a súa licenza de pesca; ademais, estivera vixiado por axentes da Policía Nacional no Porto de Vigo, "xa que as súas actividades enmarcábanse como sospeitosas de estar vinculadas co narcotráfico", segundo informaron fontes policiais.

O papel dos narcos galegos

O inspector xefe do Grupo de Resposta ao Crime Organizado (GRECO) da Policía en Galicia, Emilio Rodríguez Ramos, precisou que, aínda que non pode dar máis detalles, crese que a cocaína era enviada por un grupo internacional e que o papel dos narcos galegos era de receptores/transportistas.

"Os grupos en Galicia estrutúranse neste momento de distinta maneira. O grupo galego é máis un grupo de narcotransportistas: poñen a súa loxística, os seus barcos, os seus camións, os seus todoterreos, os seus medios... a disposición desde as grandes organizacións albanesas que están a actuar en toda en toda Europa, suramericanas directamente ou doutros países do leste de Europa", detallou.

Segundo a información que manexa a Policía, nestes momentos en Galicia só hai "catro ou cinco con capacidade absoluta para realizar unha importación de cocaína directamente".

Os investigadores cren que o cargamento partiu do norte de Brasil e teñen a sospeita, pola experiencia noutros casos, de que entre os 15 detidos non só hai mariñeiros do pesqueiro, senón probablemente alguén que actuaba como "notario" da organización criminal que fretara o cargamento de droga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade