Fin do xuízo por Samuel Luiz: os acusados, entre o arrepentimento e a proclamación de inocencia
Fin do xuízo por Samuel Luiz: os acusados, entre o arrepentimento e a proclamación de inocencia
As defensas manteñen que non hai probas nin intención de matar
Os cinco acusados pola malleira mortal a Samuel Luiz na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da Coruña, exerceron o seu dereito para tomar a palabra na última sesión do xuízo que se celebrou durante case unha vintena de sesións na Audiencia Provincial da Coruña.
⚖ A CORUÑA
— G24 (@G24Noticias) November 15, 2024
Estas son as últimas palabras dos acusados no xuízo de Samuel pic.twitter.com/3AtVfVLw15
"Se puidese darlle a miña vida a Samuel, eu dáballa sen pensar", aseverou Diego M. M., a persoa que iniciou a agresión cando pensou que a vítima o estaba gravando, cando realmente estaba a facer unha videochamada.
"Moi arrepentido, pido perdón á familia", sentenciou ante o tribunal do xurado e os asistentes na sesión de vistas ao tomar a palabra o último.
O seu avogado, Luis Salgado, considerou que o seu cliente puido ser autor dun homicidio por imprudencia grave en concurso con lesións ou, alternativamente, un homicidio, con penas de 3 ou 10 anos ao agregar a atenuante de consumo de alcol, aínda que as acusacións lle piden 25 anos por asasinato con homofobia.
Segundo Salgado, o seu defendido só golpeou a Samuel Luiz ao principio da agresión e logo seguiuno "sen ter contacto ningún", nunha cuestión habitual para el, porque se trataba de "xente violenta que estaba en pelexas" e agredía a outras persoas de forma habitual.
"Cren que estes mocosos de vinte anos querían matar a Samuel e o golpearon ata matalo e non se detiveron ata que o viron morto? Se algún destes mocosos que pegou a Samuel chegase a imaxinar que Samuel ía morrer, cagan polos pantalóns e nin Deus toca a Samuel", concluíu.
Outro dos acusados, Alejandro F. G., recoñeceu que mantivo un "forcexo duns segundos", dixo, coa vítima. Testemuñas situárono como a persoa que o agarrou polo pescozo e por detrás ao comezo da agresión. Na súa intervención, volveu pedir perdón e mostrou "arrepentimento".
O seu avogado, David Freire, alegou que só tocou a Samuel Luiz durante "cinco segundos" e mantivo que a causa real da morte provocouna un dos menores condenados no seu momento.
Segundo el, existe unha "versión oficial", a mantida pola Policía Nacional sustentada nos vídeos e os testemuños daquel momento, e unhas "probas obxectivas", que son as examinadas no xuízo -excepto as policiais, que as viu parciais-, onde boa parte das testemuñas dixeron que se esqueceron do ocorrido e outros eran amigos dos acusados.
Para Freire, as acusacións e a policía só buscaron "intoxicar" e "envelenar" o xurado con vídeos e imaxes dos acusados con armas brancas e cánticos violentos e homófobos, así como a declaración do pai da vítima -aínda que este reclama unha indemnización polas secuelas-. O letrado ábrese a aceptar os delitos de lesións, homicidio por imprudencia ou homicidio con consumo de alcol e drogas. A Fiscalía reclama para o acusado 22 anos de cárcere.
⚖ A CORUÑA
— G24 (@G24Noticias) November 15, 2024
O avogado de Alejandro Freire insiste na falta de probas contra o acusado. pic.twitter.com/B4qXyzru7C
Rexeitan que actuasen como "unha manda que tiñamos ganas de sangue"
Ao igual cos demais, Kaio A. S. C., o que lle lanzaría unha patada a Samuel, algo que nega, mostrouse emocionado e rexeitou que actuasen como unha "manda que tiñamos ganas de sangue".
"Eu saín de traballar con ganas de pasalo ben un intre cos meus amigos e todo acabou moi mal, pero eu non toquei a Samuel en ningún momento, non me importa o que opinen".
Dirixíndose á súa nai que estaba no público engadiu: "Mamá, eu non matei a Samuel".
O seu avogado, José Ramón Sierra, afirmou que o seu representado "é un chourizo e é parvo", pero defendeu que nunca golpeou a Samuel Luiz durante a agresión. De feito so está disposto a admitir un delito de apropiación indebida polo roubo do móbil, malia que Fiscalía pide para el unha pena de 27 anos.
"Ninguén, absolutamente ninguén, dixo que Kaio golpee" a Samuel Luiz en ningún punto da agresión tras a súa chegada ao grupo, na que descartou a patada que ve a Policía Nacional no vídeo e á que apuntou un amigo seu en fase de instrución, pero non no xuízo.
Segundo el, desde fai máis de tres anos pregúntalle continuamente se lle pegou polo menos un golpe a Samuel Luiz, pero el sempre mantivo que non, por iso non se abriu na súa cualificación para recoñecer unhas posibles lesións, que di que sería sinxelo.
⚖ A CORUÑA
— G24 (@G24Noticias) November 15, 2024
O avogado de Kaio insiste na súa inocencia: “É un ladrón, pero non lle deu ningunha patada”. pic.twitter.com/ujnGSIbZ1j
"Síntoo profundamente"
Alejandro M. R., que estaría, segundo acusacións, no núcleo da agresión, comezou con alusión directa ao Xurado.
"Señores e señoras, sinceramente creo que non me van crer, sinto profundamente o que lle pasou a Samuel Luiz aquela tráxica noite do 3 de xullo e o que está a vivir a súa familia como os seus máis achegados. "Só lles pido que fagan xustiza, que sexan xustos comigo, son totalmente inocente disto", engadiu.
Piden para el unha pena de 22 anos. O seu avogado, Manuel Ferreiro, ábrese a aceptar un delito de lesións se non obtén a absolución total, porque ten "a sensación" de que "faga o que faga e diga o que diga, está condenado".
Pediu ao xurado que lembre o "dereito á presunción de inocencia", pois non ve ningunha proba: "Se teñen probas, fusíleno, a cabeza nunha pica da Audiencia Provincial", retou ao tribunal.
Nese sentido, afirmou que "a verdade está no vídeo", no que a Policía Nacional o ve primeiro entrar no núcleo da agresión e saír despedido e logo iniciar a persecución a Samuel Luiz entre dúas dos puntos da agresión, ao que dixo que os axentes viñeron "a mentir para buscar a culpa de alguén que se cadra é inocente".
⚖ A CORUÑA
— G24 (@G24Noticias) November 15, 2024
O avogado de Alejandro Míguez alega que “unha cousa é ser un covarde e outra matar”. pic.twitter.com/D5QX7t9aL5
Mentres, Catherine S.B., noiva do primeiro no momento dos feitos, indicou: "Non fixen nada malo, só tentei parar ao meu noivo, non puiden facer nada máis, non teño máis nada que dicir. Síntoo non puiden facer máis", recalcou.
A pena solicitada para ela é de 25 anos, pero o seu avogado reclama a absolución. Luciano Prado, dixo que "tiña a esperanza de que se retirara a acusación" contra ela porque non ve ningunha proba de que participase na agresión.
Prado afirmou que o xuízo demostrou o que anticipara fronte á tese das acusacións, que cualificaron á súa defendida como "a doce nena Catherine, a loba da manda, a asasina do patio".
Segundo el, neste proceso "non están todos os que son nin son todos os que están" e, en todo caso, non ve ningunha proba da actuación da súa defendida, aínda que a amiga de Samuel Luiz dixo que a empuxou para evitar que o defendese, á que acusa de mentir.
"Tiña a esperanza de que onte o Ministerio Fiscal retirase a acusación, iso sería o máis digno", proclamou e preguntouse "por que estamos a levar este xuízo con este folclore da homosexualidade".
⚖ A CORUÑA
— G24 (@G24Noticias) November 15, 2024
O avogado de Catherine Silva di que a homsexualidade non ten nada que ver no xuízo pic.twitter.com/5IrTiyqivf
"Non é o mesmo as bágoas de Maxsoud que as dos acusados"
A avogada dos pais de Samuel Luiz, Esther Martínez, aclarou que o pai da vítima, Maxsoud Luiz, non foi ao xuízo para dar pena, como din as defensas, senón que acudiu citado por estas e a Fiscalía e non por ela.
"Non é o mesmo as bágoas de Maxsoud que as dos acusados. El perdeu un fillo do que se despediu cando ía cear e as deles son bágoas son máis ben debidas á responsabilidade que teñan que afrontar no futuro", valorou.
Sobre a condena aos dous menores implicados, que aceptaron tres anos e medio de internamento como asasinos confesos, matizou tamén que foi un acordo no último momento para garantir a condena, pero non o que quererían a súa acusación, en referencia a outro reproche realizado polas defensas.
"(Os pais) aceptaron un acordo porque eran moi conscientes de que se saían á rúa, algún deles non se ía sentar nunca no banco dos acusados. Querían que cumprisen a pena na extensión que fose e que non puidese eludir a acción da xustiza", concluíu.