Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía compara cunha "manda de lobos" os acusados do crime de Samuel: "Todos contra un"

A Fiscalía compara cunha "manda de lobos" os acusados do crime de Samuel: "Todos contra un"

Abre a posibilidade de que dous dos investigados sexan condenados como cómplices

As acusacións manteñen as súas peticións de asasinato para os cinco acusados: "Mátano o berro de maricón" 

A defensa do principal acusado solicitou a cualificación de homicidio por imprudencia grave; a dos outros tres piden a libre absolución e para o quinto implicado, delito de lesións con atenuantes de consumo de drogas e alcol

G24.gal 14/11/2024 12:35 Última actualización 14/11/2024 15:03

A Fiscalía e as acusacións presentadas no xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz -a familia e o colectivo LGTBI Alas Coruña- solicitaron que se manteñan as peticións de pena de entre 22 e 27 anos de cárcere para os cinco acusados, catro homes e unha muller, pola súa morte na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés.

A fiscal comparou cunha "manda de lobos" os cinco acusados -catro homes e unha muller- da súa morte. De "ataque grupal" e "inhumano" cualificou o sucedido con "participación activa" de "todos". Aos que testemuñas situaron golpeando ou agarrando polo pescozo á vítima, definiunos, respectivamente, como "un macho alfa" un e "lugartenente do líder" outro.

"Unha agresión de tres minutos e en 150 metros", resumiu para incidir en que houbo "intención de matar". "Eran conscientes de que coa acción que estaban a executar había unha alta probabilidade de que morrese", sentenciou na exposición do seu informe final ante o Tribunal do Xurado. Nela, insistiu nos golpes na cabeza que presentaba o falecido e a hemorraxia que tivo pola agresión.

"Todos", recalcou ao considerar que os cinco participaron nun "ataque sorpresivo" e "sen opción de defensa" da vítima. Isto para descartar que os feitos se poidan cualificar, ademais, como unha "pelexa". "Falamos de polo menos sete persoas contra unha", precisou para descartar a posibilidade de defensa. "Era un grupo de todos contra un", engadiu ao facer referencia ao exposto por testemuñas e tamén pola pericial dos forenses que descartaron "signos de loita".

Para a persoa que iniciou a agresión, ao pensar que a vítima o estaba gravando, Diego M. M., e para a súa entón noiva, Catherine S. B., mantívose a petición de 25 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e asañamento e agravante de discriminación por orientación sexual da vítima, algo que rexeitan as súas defensas.

No caso de Alejandro F. G. e Kaio A. S. C., aos que, xunto ao primeiro, as acusacións atribúen unha "participación activa" nos feitos, pídense, respectivamente, 22 e 27 anos de cárcere, ao segundo cinco anos máis como presunto autor do roubo con violencia do móbil da vítima.

Para Alejandro M. R., ao que testemuñas situaron no núcleo da agresión, pero non viron golpear, pediron 22 anos de cárcere.

Con todo, Fiscalía, e sumáronse as acusacións, expuxo para Alejandro M. R. e Catherine S. B. unha cualificación subsidiaria alternativa, cómplices de delito de asasinato por "facilitar a actuación" dos demais procesados e ser "conscientes de que os constantes golpes a Samuel podían causarlle a morte". En base a iso, reducirían as súas condenas a 14 anos e medio ela e 13 anos el.

A avogada da familia de Samuel fala de"violencia organizada": "Todos participaron"

A avogada da familia de Samuel Luiz cualificou como unha "cacería" a agresión mortal ao novo. "Un ataque por sorpresa, con violencia organizada", sentenciou na lectura das súas conclusións ante o Tribunal do Xurado.

"É unha actuación en grupo e teñen que responder en grupo". "Todos participaron con actos e son responsables de todo o que aí se produce ata o desenlace final, eran conscientes de que estaban a actuar en grupo", insistiu.

Así, argumentou que os cinco acusados fóronse "incorporando sucesivamente á agresión". "Sendo conscientes de que era de varios contra unha" con imposibilidade de defenderse a vítima. "Non só pola superioridade númerica, senón porque Samuel é acometido de maneira sorpresiva".

A acusación popular, sobre a morte de Samuel: "Mátano o berro de maricón"

O avogado da acusación popular no xuízo polo crime de Samuel Luiz, exercida polo colectivo LGTBI Alas Coruña, recalcou que "o matan ao berro de maricón" para incidir no feito, segundo sosteñen as acusacións, que a súa orientación sexual influíu na "violencia" da agresión.

"Samuel morreu asasinado por unha manda que o moeu a golpes", sentenciou ante o Tribunal do Xurado, aos que lles pediu que non sexan "xusticeiros", senón "xustos".

As defensas de dous acusados abren a súa cualificación ao homicidio

As defensas de Diego M. M. e Alejandro F. G. abriron as súas cualificacións ata chegar ao homicidio, aínda que buscan inicialmente penas menores, mentres que o resto entenden que non son autores da morte.

Á súa vez, para Diego M. M. o seu avogado expuxo que os feitos sexan considerados homicidio por imprudencia grave e delito de lesións, para o que pide dous anos de prisión e un, respectivamente. De non considerarse isto, de forma subsidiaria pide homicidio con agravante de abuso de superioridade con pena de dez anos de cárcere, concretou.

As defensas de Alejandro M. R., Catherine S. B. e Kaio A. S. C. mantiveron a súa petición de absolución polo delito de asasinato aínda que no caso do primeiro expuxo, de forma subsidiaria, un delito de lesións. A de Kaio admitiu a apropiación dun móbil, pero negou que soubese que era da vítima e pediu por isto un delito contra o patrimonio.

O avogado de Alejandro F. G. alegou que concorre a atenuante ou eximente de alteración psíquica por un trastorno mixto de personalidade e hiperactividade, ademais de intoxicación por consumo de alcol e cocaína ese día. No seu caso expuxo un delito de lesións e, de non estimarse, homicidio imprudente ou se non un homicidio. Entende que non concorren agravantes, pero que de haber algunha sería abuso de superioridade.

Formulacións

Todo iso nun xuízo en que a fiscal, antes de proceder á lectura do seu informe coas conclusións, insistiu, ao expor a petición subsidiaria, que Catherine S. B. e Alejandro M. R. "eran conscientes e percibían a dor e o sufrimento de Samuel". "Reflexo de crueldade", aseverou tamén ao incidir nos motivos da súa petición de pena.

Apuntou que ambos actuaron "activamente impedindo a defensa" do falecido, "sen desvincularse do grupo", así como "a fuxida de Samuel" e no caso de Alejandro M. R. "chegando a forcexar" coa vítima.

Por parte das acusacións particulares, e no caso da familia máis aló de incidir na responsabilidade civil que se pide, limitáronse a adherise ao exposto polo Ministerio Público.

Os feitos, segundo os avogados

Á súa vez, a postura das defensas pasou por incidir na absolución, como o caso de Kaio A. S. C., con excepción da apropiación dun móbil polo que pide delito contra o patrimonio; de Catherine S. B. ou Alejandro M. R. que, con todo, neste caso, solicitou para o seu cliente, e de forma subsidiaria, delito de lesións.

Os avogados dos que algunhas testemuñas situaron dando golpes, o caso de Diego M. M., ou agarrando polo pescozo a Samuel, no de Alejandro F. G., trasladaron unha modificación das penas fronte á súa petición inicial de absolución.

O letrado de Diego M. M. rexeitou que a condición homosexual da vítima motivase a agresión e apelou a unha inxesta de alcol, cunha diminución da capacidade de "actuar e entender o alcance do seu actos".

A defensa de Alejandro F. G. situou a participación do seu cliente en "menos de dez segundos" cando o suxeita. "E Samuel levantouse, Alejandro non volveu golpear a Samuel e desistiu de participar, non dirixiu puñada ou patada, non pretendía causar a morte".

De Alejandro M. R., o seu letrado expuxo que "acudiu ao momento inicial da agresión cando esta se iniciou, sen intervir" e sen "acto intimidatorio". "Non impediu a fuxida", engadiu. De Kaio, o seu letrado só recoñeceu un delito contra o patrimonio polo móbil. "Absoluta inocencia", engadiu o de Catherine.

Á súa vez, a defensa de Diego M. M. rexeitou que houbese unha "agresión concertada". Explicou que Samuel foi "golpeado por varias persoas" desde o local onde o seu cliente iniciou a agresión ata o lugar no que caeu esborrallado e especificou que "non lle golpeou durante o traxecto".

Engadiu tamén que o seu defendido agrediu a vítima "sen intención de causarlle a morte", así como que non "realizou acción" para "facilitar" que as demais persoas partícipes na disputa agredisen a Samuel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade