O xurado popular do caso de Samuel Luiz achégase ás 48 horas de deliberación
O xurado popular do caso de Samuel Luiz achégase ás 48 horas de deliberación
Deben dirimir, amais da culpabilidade ou inocencia dos cinco acusados, o seu posible grao de implicación
Desde o luns á tarde, o xurado popular está deliberando. Seis mulleres e tres homes, tras un duro mes de xuízo, teñen que dirimir sobre a culpabilidade ou inocencia de cada un dos cinco acusados de matar a Samuel Luiz.
Terán que pronunciarse sobre uns feitos xerais, comúns a todos eles. "Serían o cúmulo de accións que desembocaron no falecemento, como faleceu a vítima, e circunstancias", explica o avogado Manuel Ferreiro.
Porén a complexidade para o xurado popular chega á hora de decidir a participación que tivo cada un dos procesados na malleira mortal do 3 de xullo de 2021.
"Non só se agrediron ou non a vítima ou se evitaron auxiliala ou non. Senón se actuaron con intención de matar, se foron autores ou cómplices, se ao longo do traxecto da agresión puideron desvencellarse do grupo...", engade Ferreiro.
Unha serie de cuestións complexas que fixeron que o obxecto do veredicto sexa moi avultado, e que terán que votar os nove membros do xurado popular.
"Cando é un feito negativo, para probalo necesitan sete votos a favor, como mínimo. Se é un feito favorable ou positivo para os acusados, teñen que ser cinco votos a favor", manifesta o letrado.
E para obter o seu veredicto, o tempo do que dispoñen é ilimitado. "O único dato temporal que establece a lei do tribunal do xurado é que, se en 48 horas, dous días, a maxistrada considera que é necesario dar novas instrucións ao xurado, pode facelo. Pero non está obrigada", di Manuel Ferreiro.
Ese prazo cúmprese esta tarde, e prevese que o xurado emita o seu veredicto a, máis tardar, o venres.