Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xurado xa ten as cen preguntas para deliberar o veredicto polo crime de Samuel

O xurado xa ten as cen preguntas para deliberar o veredicto polo crime de Samuel

O tribunal popular ten que dirimir sobre a culpabilidade ou non dos cinco acusados

G24.gal 18/11/2024 18:56 Última actualización 18/11/2024 20:42

O xurado dispón xa do obxecto do veredicto, as preguntas que deberán contestar os seus nove membros para determinar a culpabilidade ou non dos cinco acusados en relación á morte de Samuel Luiz, uns feitos ocorridos na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés, á saída dun local de lecer.

Máis dun cento de preguntas 

A maxistrada explicou que o atraso na entrega estaba motivado polo feito de que as partes solicitaron "determinadas inclusións e exclusións" no borrador e finalmente o obxecto do veredicto quedou "consensuado", en forma de cinco veredictos, un por acusado.

Son ao redor dun cento de preguntas, cunha serie de feitos globais e logo varias para cada un dos procesados. A maxistrada pedíulle ao xurado, formado neste momento por nove titulares e un suplente tras unha baixa, que teña en conta o "principio de presunción de inocencia, principio acusatorio e o principio de in dubio pro reo (en caso de dúbida, a favor do reo)".

Na súa intervención lembrou que se trata dun "xuízo singular" tanto polo feito de que hai cinco acusados como pola "evidente repercusión social e evidente repercusión mediática". "Agora chega o noso momento, o seu, entregarémoslles o obxecto do veredicto e terán que contestar as cuestións que contén.

Lembren que teñen unha función moi importante, lembren que son xuíces para todos os efectos, para o positivo e para o negativo, para a independencia e para a responsabilidade. O que decidan vaime vincular á hora de ditar a sentenza", detallou. Segundo dixo, das súas respostas sairá "a única verdade importante, a verdade xudicial", polo que reclamou que se desposúan de prexuízos e asegúrense de ser independentes para "emitir un veredicto xusto". 

Xa co obxecto do veredicto na man, o xurado popular debe designar un portavoz e empezar unha serie de deliberacións secretas ata votar e resolver cada un dos feitos que inclúe o documento. Nas votacións non é posible a abstención e cada punto necesita cinco votos a favor se é favorable ao acusado, mentres que requirirá sete votos se é desfavorable.

Despois redactarán unha acta co resultado e responderá a se son partidarios de suspender algunha das penas, en caso de atopar culpables, ou mesmo de propoñer un indulto.

Mentres dure a deliberación, os membros do xurado estarán incomunicados e con custodia policial, tamén no hotel onde estarán aloxados.

Petición de penas

Para Diego M.M., a persoa que, segundo acusacións e testemuñas que declararon na Audiencia Provincial da Coruña, iniciou a agresión, con insultos de "maricón" á vítima, a Fiscalía, acusación particular e a popular, exercida polo colectivo LGTBI Alas Coruña, solicitan 25 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e asañamento e agravante de discriminación por orientación sexual.

A defensa solicita que os feitos sexan considerados homicidio por imprudencia grave e delito de lesións con pena de dous e un ano, respectivamente ou, subsidiariamente, homicidio con agravante de abuso de superioridade e condena de dez anos. A iso, suma atenuante de consumo de alcol.

A mesma pena de asasinato e agravante piden as acusacións para a súa daquela moza, Catherine S.B. ao alegar que foi a que sinalou a Samuel cando facía unha videollamada pensando o seu noivo que os gravaba e que impediu á amiga da vítima, así o declarou, que o auxiliase. Alternativamente, reclaman unha pena de 14 anos e medio como cómplice de asasinato fronte á absolución do seu defensa.

Alejandro F.G., o que testemuñas sitúan como o que agarrou polo pescozo a Samuel, coa técnica do 'mataleón', enfróntase a 22 anos de cárcere por asasinato. A súa defensa pide a condena por lesións e, de non estimarse, homicidio imprudente ou homicidio, sen agravante ou, en todo caso, de superioridade. Como atenuantes, inclúe consumo de alcol e drogas.

Para Kaio A.S.C., a persoa que algunha testemuña citou como o que cargou a perna para lanzar unha patada pídense 27 anos de cárcere por delito de asasinato e roubo de móbil do falecido. O seu avogado solicita só condena por un delito contra o patrimonio ao admitir o seu cliente que "atopou" un teléfono e colleuno.

Absolución ou delito de lesións, en caso de considerarse que ten algunha implicación, reclama a defensa de Alejandro M.R.  Negou, como o anterior e como Catherine S.B., calquera participación na agresión e sostivo, como eles, que tratou de separar. Os policías e algunha testemuña situárono no núcleo da agresión, pero sen poder ratificar que golpease. Para el, reclámanse 22 anos de cárcere.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade