Un dos acusados, a un amigo tras a malleira a Samuel: "Deille unha puñada, pero non o matei"
Un dos acusados, a un amigo tras a malleira a Samuel: "Deille unha puñada, pero non o matei"
A derradeira testemuña neste xuízo declarou que o principal acusado recoñeceulle que atacou a Samuel Luiz porque se enfadou con el
A derradeira testemuña que presenciou os feitos da madrugada do 3 de xullo de 2021, manifestou que tras saír do pub onde estaban escoitou berros. Dixo que había entre quince e vinte persoas, pero que non viu golpes nin patadas porque estaba a uns vinte metros.
Entre elas, mencionou catro dos acusados. E asegurou que o procesado que está en liberdade camiñaba atrás del. "Houbo como unha pelexa e eu non quería problemas. Vin que había un problema, que se estaban empurrando. Puxen a capucha para irme", manifestou a testemuña.
"Vostede viu que estaban golpeando unha persoa?", preguntoulle a fiscal. "Non, se non iría separalos. Como ía deixar iso?", contestou.
Contou que fora camiñando co procesado ao que acusan tamén de lle roubar o móbil á vítima cara ao parque de San Diego e que intentou venderlle un teléfono.
"Voulle facer a pregunta outra vez. Está baixo xuramento. Díxolle concretamente 'véndocho'?", preguntou a fiscal. "Díxome que tiña un teléfono, que se me interesaba, que mo vendía. Pero non me interesou", declarou.
Xa no parque, dixo, falouse da noite e que houbera unha pelexa entre eles, pero non concretou quen nin a quen se refería. Si recoñeceu que ao día seguinte dos feitos, o mozo acusado de iniciar a agresión manifestoulle que se enfadara coa vítima, pero que non lle dixera nada máis.
"Vemos unha contradición na súa declaración. Vostede manifesta que lle dixo que se enfadara con Samuel e que lle botara unha puñada, pero eu non o matei", di a fiscal. "Si, dixo iso", concluíu a testemuña.
Mañá será cando declaren os tres acusados que se atopan en prisión provisional perante os nove membros do xurado popular. Enfróntanse a penas de entre 22 e 27 anos de cadea.