Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sentenza do caso Samuel: 24 anos para Diego Montaña e 20 para Alejandro Freire e Kaio Amaral

Sentenza do caso Samuel: 24 anos para Diego Montaña e 20 para Alejandro Freire e Kaio Amaral

A Alejandro Míguez condénano a 10 anos como complice do crime

Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto. EFE/Cabalar
G24.gal 08/01/2025 15:13 Última actualización 08/01/2025 20:55

A Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a un total de 74 anos e medio de cárcere as catro persoas declaradas culpables do asasinato de Samuel Luiz, cometido na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da cidade.

En concreto, a Diego Montaña, en quen concorre a circunstancia agravante de discriminación por motivos de orientación sexual, a maxistrada presidenta, Elena Fernanda Pastor Novo, impúxolle 24 anos de cárcere. Esa pena sitúase moi cerca do máximo legal, que é de 25 anos, que non lle aplica porque o xurado non apreciou a agravante de asañamento.

Pola súa banda, a Alejandro Freire condenouno a 20 anos de cárcere. No seu caso, explica a maxistrada, non hai circunstancias agravantes nin atenuantes. 

Na sentenza advírtese "a súa condición de partícipe destacado (ataca a Samuel por detrás, abáteo e tírao ao chan) e a intensidade da súa intervención (propina golpes e impide a defensa e fuxida de Samuel) durante todo o iter criminis, case desde o mesmo principio ata o final”.

A Kaio Amaral impúxolle un total de 20 anos e medio -17 anos polo asasinato e tres anos e medio polo roubo con violencia-, pois indica que a súa intervención no asasinato “non alcanza a entidade” da de Diego Montaña e Alejandro Freire, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado.

E, por último, a Alejandro Míguez condenouno a 10 anos de cárcere, xa que, ao tratarse dun cómplice de asasinato, sinala que procede impoñer a pena inferior en grao que, neste caso, abarca un arco punitivo de 7 anos e medio a 15 anos de prisión.

Os catro terán que indemnizar á familia de Samuel Luiz en 304.000 euros e tras saír de prisión terán 5 anos de liberdade vixiada, segundo o fallo, que non é firme, pois contra el cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A estes catro condenados súmanse dous homes que eran menores de idade no momento dos feitos condenados a tres anos e medio de internamento que cumpren este mes.

Sobre a absolución de C. S. lembra que o xurado viu probado que "tentou apartar" ao que entón era a súa parella, Diego Montaña, o que encaixa coas súas actitudes anterior e posterior, cun enfado e o reproche de "pasácheste".

"A súa intención era a de separar a Diego Montaña por resultar coherente cos seus actos anteriores (tentando conter a Diego Montaña) e cos seus actos posteriores compatibles coa tese do seu defensa, o que en puridade non é máis que a aplicación do principio 'in dubio pro reo' xa que, ante as alternativas expostas, os xurados optaron pola tese de descargo, favorable á acusada", relata.

Recurso da sentenza

Os avogados de tres dos catro condenados polo asasinato de Samuel Luiz -Alejandro Freire, Kaio Amaral Silva e Alejandro Míguez- recorrerán a sentenza na que se recollen as penas de prisión para eles de entre 10 e 20 anos e medio de prisión.

As defensas -non foi posible contactar coa Diego Montaña, condenado a 24 anos de cárcere- confirmaron que presentarán un recurso.

"Imos recorrer, por suposto. Aínda que a pena sexa a mínima posible con sentenza condenatoria, pero iso non nos vale. Imos recorrelo desde xa", manifestou José Ramón Sierra, avogado de Kaio Amaral Silva, que foi condenado a 20 anos e 6 meses polo delito de asasinato e tamén polo roubo do móbil da vítima.

O avogado de Alejandro Míguez, Manuel Ferreiro, tamén recorrerá a condena, neste caso de 10 anos de cárcere como cómplice de asasinato. David Freire, defensa de Alejandro Freire 'Yumba', con pena de 20 anos de cárcere tamén asegurou que presentará recuros.

Samuel Luiz foi asasinado a madrugada do 3 de xullo de 2021 fronte á praia de Riazor da Coruña, nun caso que desde este mércores conta con resolución xudicial para as sete persoas implicadas, con seis condenados -dous menores que estiveron noutro proceso- e unha muller absolta.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade