Un vídeo feito en Verín alerta da desigualdade nos fogares
Un vídeo feito en Verín alerta da desigualdade nos fogares
As tarefas do fogar, e sobre todo os coidados de nenos e anciáns, seguen a ser traballos asumidos fundamentalmente polas mulleres
Para loitar contra esta desigualdade, máis arraigada incluso no rural, a Mancomunidade de Verín lanzou unha campaña para que os homes asuman a súa responsabilidade
Unha pota ao lume é a metáfora que emprega o vídeo para concienciar dos efectos físicos e psicolóxicos da acumulación de tarefas sobre os ombreiros das mulleres.
Iris Justo Rodríguez, directora do vídeo: "Como vai quecendo a pota, como vai quecendo a auga, burbullando, ata que finalmente se desborda".
Lorena Álvarez, directora do Centro de Información á Muller: "Eu penso que o que máis pesa é o que non se ve: a carga mental, levar conta de todo o que hai que facer nun fogar para que funcione".
Os protagonistas do vídeo son actores e actrices, pero os seus testemuños son reais, recompilados nunha enquisa previa entre os habitantes da zona. "Recollemos declaracións e adaptámolas para que se puidesen plasmar no vídeo", explica Iris.
A iniciativa, do Centro de Información á Muller da mancomunidade de Verín, alerta sobre unha realidade máis palpable aínda no rural.
"Sabemos que no rural o repartimento das tarefas, sobre todo os coidados á xente maior, recae un 90 % máis na muller e o tempo de descanso non está equilibrado en relación ao home", sinala Lorena Álvarez.
O vídeo difúndese a través das redes sociais para concienciar tamén os máis novos.