A falta de corresponsabilidade e a socializacion sexista están tras a fenda laboral
A falta de corresponsabilidade e a socializacion sexista están tras a fenda laboral
As mulleres teñen sete de cada dez contratos temporais e a maioría dos traballos a tempo parcial
O sector máis feminizado é o dos servizos, que é tamén o peor retribuído
A realidade do mercado laboral demostra que hai moito por andar no camiño da igualdade das mulleres traballadoras. Teñen contratos peores e unha taxa de paro máis alta. Dos traballadores con contratos a tempo parcial, 7 de cada 10 son mulleres. E elas asinan o 58 por cento dos contratos fixos descontinuos.
Tamén quedan co 69 por cento dos temporais. Así que levan os peores contratos e ademais case todos no mesmo sector: o de servizos, onde copan o 89 por cento das contratacións.
"É unha inercia dunha estrutura patriarcal. Non cabe dúbida de que para que exista unha igualdade laboral efectiva ten que existir corresponsabilidade á hora de asumir as tarefas domésticas e de coidados", explica Jorge García Marín, profesor de Socioloxía e coodinador do Máster de Igualdade de Xénero na USC.
Pero as mulleres teñen, en xeral, contratos máis precarios, máis temporalidade, e menos salario. Tamén renuncian máis á vida laboral, por exemplo no rural, porque alí é mais difícil ter opción de acceder a servizos de coidados. As que traballan fóra e coidan non sofren só unha dobre carga.
"Como normalmente ás mulleres nos toca demostrar máis si que nos preocupamos máis de ser mellores traballadoras. É importante dar visibilidade e que haxa referentes", reflexiona a empresaria Carmen Lence.
Referentes, servizos e dereitos. Na fenda laboral inflúe que son elas as que máis solicitan licenzas ou permisos. Pero tamén é determinante a socialización de xénero, que as afasta das carreiras mellor retribuídas.
"Hai que promover os coidados nos nenos e nas nenas a tecnoloxía e as matemáticas. Creo que se a socialización e xénero fose menos desigual xa de por si se revertería o problema, non", apunta Sara del Valle, orientadora escolar.
Na persistencia dos roles e estereotipos machistas, inflúen, segundo os expertos, as redes sociais, que en casos tiran por terra os esforzos das institucións sociais e educativas.
"Entre os mozos da xeración Z hai moita influencia do negacionismo do machismo e da violencia machista en redes e eles iso veno. Tamén están nunha etapa de rebeldía e iso inflúe", dixo Cristina Carbajales, directora do Centro de Información á Muller de Boqueixón.
"É desde logo un tema de que entender os homes que o coidado tamén nos afecta e pode ser parte da identidade masculina", conclúe Jorge García Marín, profesor de Socioloxía e coodinador do Máster de Igualdade de Xénero na USC