Publicador de contidos

Publicador de contidos

A VI Semana Universitaria da Economía Social, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A VI Semana Universitaria da Economía Social, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 27/03/2025 08:05

Segundo CIRIECSTAT, en España, no 2021, había 45.282 empresas dentro da chamada Economía Social (ES) de Mercado, e, en Galicia, o Centro de Estudos Cooperativos da USC (CECOOP), no seu portal estatístico GALESTAT, recolle que 5.740 están xerando máis de 23.000 empregos e cuns ingresos de máis de 3.300 millóns de euros. Falamos de 1.180 cooperativas, 308 sociedades laborais, 117 centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, 4 mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pescadores, 1.039 sociedades agrarias de transformación e 3.016 comunidades de montes veciñais en man común.

A pesar disto, na gran maioría das universidades españolas non hai ningunha materia que aborde o estudo destas empresas, importantes, máis aló dos números, pola súa vinculación co territorio, o seu carácter democrático, por seren empresas comprometidas coa igualdade e a sustentabilidade e porque están presentes en todos os ámbitos da economía.

Por iso, a rede ENUIES que engloba os institutos e centros de investigación das universidades españolas e CIRIEC-España convocan, por sexto ano consecutivo, a Semana Universitaria da Economía Social para difundir entre os estudantes un modelo empresarial sostible e inclusivo

Actividades

No conxunto da rede están programadas, entre os días 24 de marzo e 3 de abril, máis de 120 actividades en 35 universidades españolas e de Iberoamérica. Na Universidade de Santiago de Compostela, o CECOOP organiza e promove máis de dúas ducias de actividades agrupadas en dous bloques temáticos que estima chegar, directamente, a uns 500 estudantes dos graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas e o dobre grao de Dereito e Relacións Laborais.

O acto central celebrouse o mércores na Facultade de CC. Económicas da USC. Na primeira parte presentouse o novo Portal Estatístico da Economía Social en Galicia (GALESTAT) e o informe da Economía Social en Galicia 2023.

O portal Estatístico da Economía Social de Galicia (GALESTAT) responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, que establece como un dos seus obxectivos aumentar a visibilidade da mesma mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuados. A Xunta de Galicia responde así, co Centro de Estudos Cooperativos de Galicia, á necesidade de dotar a nosa comunidade autónoma con datos homoxéneos e comparables con outras, como Valencia, Aragón ou Castela-A Mancha e, mesmo, na comparativa estatal.

O Informe da ES en Galicia 2023 xa é o sétimo que o CECOOP realiza para avaliar a evolución do sector galego, facer unha comparativa dos cambios normativos noutras comunidades autónomas e analizar a evolución das políticas públicas galegas.

No acto tamén participaron, a nivel institucional, a Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia Marta Mariño, o presidente do Foro pola Economía Social de Galicia Mino Martínez, ademais de representantes da USC e de xestores dunha cooperativa, unha sociedade laboral, un centro especial de emprego e unha empresa de inserción, que falaran ás nosas entidades sobre que é a Economía Social e os seus modelos empresariais.

Adicionalmente e ao longo de toda a semana, en varias materias dos graos sinalados levarán a cabo diversas actividades baixo o epígrafe A Economía Social na aula, incorporando de forma transversal dende o punto de vista da política económica o dereito do traballo, o desenvolvemento económico sostible, as finanzas, organización de empresas ou, mesmo, a econometría, estes conceptos en varias clases interactivas destas materias.

En resumo, moitas actividades, todas elas destinadas a visibilizar unha forma distinta de facer empresa, cun importante impacto no noso crecemento económico e que, ademais, é sostible.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade