Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aposta forte polo noso comercio, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Aposta forte polo noso comercio, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 01/04/2025 08:31

A Xunta de Galicia no seu Consello presentou o Plan Estratéxico 2025-2030 co obxectivo de consolidar o comercio galego “como un sector forte, moderno, atractivo, sostible e de calidade”.

Como todos os plans estratéxicos, pártese dunha análise cuantitativa da situación do sector a partir das estatísticas dispoñibles e dunha cualitativa, a través da escoita ao sector, en colaboración coa Federación Galega do Comercio coa que se mantiveron 20 reunións, con 300 representantes das diversas familias do comercio: asociacións, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, consumidores, grandes superficies, cámaras de comercio, artesáns e autónomos.

A metodoloxía utilizada foi a DAFO, que detecta as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do sector e o plan está aliñado cos contidos recollidos no Plan Estratéxico de Galicia. No mesmo recóllese que a pesar de que temos un comercio moi forte, con 32.000 establecementos que dan traballo a máis de cen mil persoas, sendo Galicia a quinta comunidade autónoma en maior número, a venda en liña, sobre todo despois da pandemia da COVID-19, afectou negativamente o seu desenvolvemento non só na nosa comunidade, senón no conxunto de España, o cal fai que sexa necesaria unha estratexia de apoio ao sector, nun contexto no que vemos acotío locais baleiros en vilas e cidades.

Para impulsar a mellora do comercio precísase o apoio conxunto de todas as administracións, co obxectivo de promover a súa modernización e potenciación, tendo en conta o talento e a dixitalización, de achegar a mocidade ao comercio local, valorizando o produto fresco dos nosos mercados e a recuperación dos oficios tradicionais, como a artesanía galega.

As prazas de abastos teñen un foco especial pero tamén o apoio dos centros comerciais abertos, en vilas e cidades e poñendo o foco nun segmento moi concreto da sociedade, os xoves, que adoitan mercar en grandes superficies pero, sobre todo, por Internet, polo que é preciso o fomento do consumo local, en comercio de proximidade.

Lendo os obxectivos, propostas e medidas do plan, están en consonancia coas elaboradas no ámbito estatal por seis asociacións de autónomos e recollidas no documento Apostar polo comercio de proximidade, apostar polo futuro. No caso galego, xa temos un plan para os anos 2025-2030 dotado con 320 millóns de euros que seguro que servirá de axuda para que o noso comercio poida medrar e crear emprego na nosa contorna. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade