Publicador de contidos

Publicador de contidos

O novo DNI dixital para levar no móbil, dispoñible a partir deste mércores

O novo DNI dixital para levar no móbil, dispoñible a partir deste mércores

O novo documento servirá para identificarse en todo o territorio español e facer todo tipo de trámites presenciais, incluída a sinatura de documentos ante notario ou acudir votar

Polo momento non será válido para viaxar nin para facer trámites de tipo telemático, pero o Executivo agarda que en 2026 teña total operatividade como sinatura electrónica ou autenticación en liña

G24.gal 01/04/2025 10:52 Última actualización 01/04/2025 14:40

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto para a expedición do novo DNI que se poderá levar no móbil, nunha aplicación, e que require deste paso para que o documento de identidade en formato dixital teña a mesma validez que o de formato físico.

Este DNI dixital é un primeiro paso que permitirá identificarse en territorio español se non leva o formato físico, aínda que polo momento non servirá nin para viaxar nin tampouco para facer trámites administrativos.

O lanzamento do novo DNI dixital a través do teléfono móbil permitirá desde mañá aos cidadáns realizar accións cotiás que requiren a súa acreditación presencial para o rexistro nun establecemento hostaleiro, alugar un coche, asistir a un concerto ou para recoller un paquete de Correos. Dentro dun ano, ademais, tamén se poderán realizar trámites en Internet.

O proxecto conta coa aplicación MiDNI, dispoñible nas principais plataformas dixitais, e é a única oficial con apoio legal para acreditar a identidade de maneira equivalente ao DNI físico.

Para iso, xerarase un QR asinado e selado pola Policía Nacional que garante a autenticidade dos datos mostrados en tempo real e certifica que están actualizados e son válidos no momento da verificación.

Primeira fase, acreditación presencial

Nunha primeira fase, o DNI só permitirá a identificación de maneira presencial coa mesma validez que o DNI en formato físico. Servirá, polo tanto, para acreditar a identidade no control de acceso a calquera espazo público ou privado que así o requiran.

Tamén para establecer calquera tipo de relación xurídica, asinar escrituras ante notario, acreditar a identidade en trámites presenciais ante a Administración e levar a cabo trámites administrativos presenciais tanto con administracións públicas como con entidades privadas.

O DNI no móbil será válido para acreditar a maioría de idade para abrir unha conta bancaria ou realizar transaccións comerciais presenciais nas que se requira o DNI en vigor, así como para exercer o dereito ao voto, segundo informou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao dar conta do Real Decreto aprobado este martes no Consello de Ministros.

En 2026 tamén trámites telemáticos

Segundo detallou Marlaska na conferencia de prensa desde o Palacio da Moncloa, fixouse un prazo de doce meses para que as entidades públicas e privadas adopten as medidas necesarias para adaptarse ao novo sistema, xa que "estarán obrigadas a aceptar o novo formato dixital como forma de identificación do seu titular".

É dicir, nesta primeira fase, o DNI no móbil non servirá para acreditar a identidade a través de Internet, usalo como documento de viaxe electrónica para paso de fronteiras, acreditar a identidade noutros países ou facer xestións telemáticas de autenticación e/ou sinatura electrónica.

A previsión do Ministerio do Interior é que en 2026 se habilite o DNI dixital por completo como documento de acreditación da identidade nas xestións telemáticas, operacións de firma electrónica e noutras actuacións a través de Internet, é dicir, "a plena funcionalidade".

"Creo que non é esaxerado que podamos dicir que, coa súa posta en marcha, parte do futuro xa o temos aquí; España ingresa no selecto grupo de países europeos que xa dispoñen de sistemas que permiten acreditar a identidade a través do teléfono móbil", comentou Marlaska.

Segundo engadiu, o novo DNI dixital lanzado pola Policía Nacional en colaboración coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre permitirá realizar calquera tipo de transacción, tanto no ámbito público como no privado, "mediante un soporte virtual, fácil, intuitivo, seguro e, o máis importante, efectivo".

Que hai que facer para ter no móbil DNI dixital?

Para dispoñer do DNI en formato dixital é necesario completar tres fases: un rexistro previo que vincula de maneira inequívoca a identidade do cidadán a un número de teléfono móbil que permite a descarga da aplicación MiDNI, virtualización do DNI e verificación do proceso.

Para realizar o rexistro é necesario que o DNI se atope en vigor e os seus certificados electrónicos activos, o que poderá facerse a través da web www.midni.gob.es, nos Postos de Actualización de Documentación (PAD) existentes en comisarías de Policía ou concellos e en calquera das 290 Unidades de Documentación da Policía Nacional.

En calquera destas vías de rexistro informarase o cidadán dunha ruta de acceso á aplicación para a súa descarga.

A aplicación MiDNI será a única oficial con apoio legal e impide a manipulación ou falsificación dos datos, que non quedarán almacenados nin no móbil que solicita a identificación nin no que comproba a identidade do titular do DNI dixital.

Durante a alta na mesma verifícase que o DNI está asociado a ese número de teléfono por medio de códigos dun só uso que o usuario debe de utilizar para finalizar a correcta vinculación. Unicamente pódese asociar un DNI a un número de teléfono móbil.

No caso de que o documento estea extraviado ou fose subtraído, a información non estará dispoñible.

Elixir os datos do DNI que se queren mostrar

Ao realizar a consulta, o titular do DNI poderá decidir que datos quere mostrar en función do uso que queira dar e do fin da verificación da identidade. Esta liberdade de mostrar os datos segundo a situación incrementa a privacidade do cidadán, xa que non é necesario mostrar todos os datos en todas as situacións.

As tres opcións dispoñibles son: DNI idade, que mostrará a fotografía, o nome e a maioría de idade; DNI simple, que reflectirá a fotografía, o nome, apelidos, o sexo e validez de DNI; e DNI completo, que mostra todos os datos do documento físico.

Unha vez elixido o nivel de información solicitado, a aplicación xera un código QR que se mostra na pantalla do teléfono do titular do DNI.

É un código xerado por Policía Nacional, o que asegura que os datos son auténticos nese mesmo momento, que permanecerá visible durante un curto período de tempo. Pasado este período, perderá a súa validez e será necesario xerar un novo código.

O código QR xerado pode ser escaneado por calquera outro dispositivo no que fose instalada a aplicación MiDNI. Ao escanealo, aparecerá na pantalla do usuario verificador os datos do cidadán en función da opción elixida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade