Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta busca darlle impulso ao pequeno comercio cun plan de máis de 320 millóns

A Xunta busca darlle impulso ao pequeno comercio cun plan de máis de 320 millóns

O Consello da Xunta aprobou o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-30 para modernizar e mellorar a competitividade no sector

G24.gal 31/03/2025 13:33 Última actualización 31/03/2025 14:40

Consello da Xunta aprobou este luns o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que terá unha dotación que supera os 320 millóns de euros, e co que se busca modernizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio.

O plan, explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, conta con "70 accións para consolidar o sector como sostible, atractivo e de calidade".

Segundo datos da Administración galega, hai no país 32.000 establecementos deste tipo que dan emprego a máis de cen mil persoas, e dos que destacan o seu labor en manter a vida e fixar poboación nas vilas e cidades.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, detallou as medidas do plan para "garantir a competitividade no futuro, como fonte de riqueza e emprego".

O plan pretende "buscar visibilización, a creación dunha marca propia e a recuperación de zonas comerciais", en tres eixos: medidas de impulso da dixitalización, a modernización dos espazos, e a formación e a remuda xeracional.

De aí este plan en que se implicarán todos os departamentos da Xunta, e as accións pasan dende recuperar nas vilas turísticas zonas comerciais abandonadas, ata crear unha marca única para os negocios de proximidade, impulsar a venda por Internet ou potenciar o comercio ambulante.

E cun obxectivo común: atraer os clientes máis novos.

A Xunta tamén aprobou este luns 4 millóns de euros para axudar á internacionalizacion de 600 empresas na busca de novos mercados, dende A China ata O Brasil ou A India.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade