A Xunta renova a gratuidade das matrículas universitarias e volve conxelar as taxas
As taxas universitarias permanecen conxeladas por décimo quinto ano consecutivo

O Consello da Xunta aprobou este luns manter a matrícula gratuíta para os alumnos de graos e ensinanzas superiores no primeiro curso e nos seguintes, sempre que cumpran cunha serie de requisitos en canto a unha porcentaxe de materias superadas.
Neste momento, asegurou o presidente da Xunta, son uns 20.000 alumnos os que se benefician desta medida.
Amais como novidade este ano establécese que haberá que estar matriculado nun mínimo de 60 créditos, e non nun curso completo, e tamén será de acceso para estudantes que chegan á universidade tras cursar o Bacharelato Internacional ou en francés.
Logo do primeiro curso de grao ou de ensinanzas superiores para poder manter a matrícula gratis, hai que superar un 90 % dos créditos nas disciplinas de humanidades, 80 % nas de saúde e 65 % nas enxeñerías. A Xunta calcula un aforro para as familias de entre 19 e 20 millóns de euros.
Amais, no próximo curso, as taxas, para aqueles que non teñan dereito a esta gratuidade, volverán estar conxeladas en graos e mestrados por décimo quinto ano consecutivo.
"Aforro" de 160 millóns de euros no IRPF
Con motivo do inicio mañá da campaña da renda 2024, a Xunta tamén analizou un informe sobre as deducións que permitirán aforrar no tramo autonómico deste imposto un total de "case 160 millóns de euros" aos galegos na súa declaración, destacou Rueda.
Para esta campaña entran en vigor dúas novidades, que son a bonificación de 300 euros para o acollemento familiar, con independencia da súa duración, e unha nova dedución para quen adquira accións ou participacións de empresas con proxectos de interese público, en aplicación da lei de recursos naturais da Xunta.
Estas medidas súmanse ás xa vixentes como a deflactación do primeiros tres tramos autonómicos do imposto directo IRPF, a equiparación fiscal das familias con dous fillos como numerosas, ou deducións por nacemento ou adopción de fillos ou por coidar de persoas dependentes, entre outras.