Publicador de contidos

Publicador de contidos

José González: "Os galegos do exterior non só queren vir traballar, tamén emprender"

José González: "Os galegos do exterior non só queren vir traballar, tamén emprender"

O conselleiro de Emprego, Comercio e Migración afirma que a falta de man de obra cualificada é un problema xeneralizado en todos os sectores

Advirte de que Galicia conta cunha das taxas máis altas de absentismo laboral e reitera a aposta da Xunta polo emprendemento ligado ao territorio

O conselleiro nunha imaxe de arquivo. Xunta de Galicia/EUROPA PRESS
G24.gal 30/03/2025 09:30 Última actualización 30/03/2025 20:10

O conselleiro de Emprego, Comercio e Migración  alerta da escaseza de man de obra en todos os sectores económicos e en todos os niveis  de cualificación e salariais.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José González afirmou que a Xunta traballa por mellorar a empregabilidade dos traballadores en Galicia, reter o talento e atraelo apostando polos vínculos coa diáspora.

"Temos un programa de atracción do talento no que apostamos claramente por eses vínculos que temos coa diáspora e por atraer nacionais de terceiros países, principalmente de América latina".

O titular do Emprego explicou que hai 32 mil persoas inscritas no programa "Retorna Cualifica Emprego", principalmente da Arxentina e o Uruguai pero tamén de países como Cuba ou Venezuela.

José González fixo balance das feiras de emprego organizadas a principios de mes pola Xunta na Arxentina e o Uruguai e nas que participaron unha vintena de empresas dos clústeres da alimentación, do metal, da loxística, das TIC e das enerxías renovables.

O titular de Emprego explicou que se ofreceron 600 postos de traballo e que moitos xa se cubriron porque "hai moito interese polos programas  da Xunta, non só de postos de traballo, tamén de emprendemento".

"Os galegos do exterior sempre foron de autoemprego. Non só queren vir traballar senón tamén emprender".

Jose González  afirmou que esta nova edición do programa Retorna "empezou moi ben" e augurou que acabará sendo un éxito.

Intelixencia artificial e emprego 

O conselleiro de Emprego referiuse, na Radio Galega, á introdución da intelixencia artificial no Servizo de Emprego a través do software EMi, pioneiro en España e en Europa e premiado por Bruxelas.

José González explicou que se utiliza para o "perfilado competencial" dos desempregados.

"Determinamos as competencias que ten o desempregado e, sobre todo, as que lle faltan para atopar facilmente traballo".

O titular de Emprego subliñou que a través desta ferramenta se detectan todas as ofertas laborais que hai en Galicia e non só as rexistradas no Servizo de Emprego. A IA, engadiu, tamén determina as habilidades que demandan as empresas e que requirirán no futuro, o que permite adecuar os programas de formación.

Neste senso, José González lembrou que Galicia será a primeira comunidade en regular as microcredenciais ou formacións de curta duración, cunha metodoloxía flexible e adaptadas ás necesidades das empresas.

"Demandámoslles ao Goberno central que colabore nesa flexibilización -con fondos finalistas- para que sexamos capaces de chegar a unha formación de curta duración, o máis afinada posible, o máis próxima posible ás necesidades das empresas para que, canto antes, a xente que se forma poida estar traballando".

Absentismo laboral

O titular de Emprego alertou da elevada taxa de absentismo laboral  en Galicia, só por detrás do País Vasco e das Canarias. Un problema que afecta, sobre todo, ao sector da industria. A isto hai que engadir, as baixas de longa duración.

"Temos unha problemática coas baixas de longa duración. Estamos moi riba da media nacional".

José González defendeu o dereito dos traballadores a ausentarse por incapacidade pero pediu distinguir entre o absentismo xustificado e o abuso.

"Temos que combater o absentismo inxustificado".

Na entrevista dos domingos da Radio Galega explicou que crearon unha mesa de traballo dentro do diálogo social para analizar esta problemática que "ocasiona dificultades ás PEMES  para cumprir cos contratos".

A Xunta tamén encargou un informe á Universidade de Vigo para determinar as causas e os custos.

"As primeiras conclusións din que non se xustifica no avellentamento da poboación nin no número de mulleres na forza laboral galega".

En canto aos custos, os primeiros datos apuntan a 850 millóns de euros para a Seguridade Social e 782 para as empresas.

Comercio local 

O titular de Comercio avanzou, na Radio Galega, que se presentará "en breve" o Plan estratéxico 2025-2030".

José González enumerou as distintas liñas de apoio ao sector como o Bono Comercio, do que destacou o seu éxito, ou as axudas á modernización dotadas con 3,9 millóns de euros e que se esgotaron antes de que rematase o prazo de solicitude.

"Quero dicirlles aos case 30 mil comerciantes que temos en Galicia que imos dar a batalla polo comercio local".

O conselleiro tamén se referiu ás subvencións destinadas aos centros comerciais abertos e ás prazas de abastos para a súa conversión en mercados excelentes "para que sexan algo máis que mercados nos que comprar produtos frescos".

José González explicou que dende o seu departamento apoian o emprendemento ligado ao territorio  a través do Plan Remuda, dotado con 32 millóns, para garantir a remuda xeracional no comercio tradicional.

"Nós o que queremos é emprendemento que xere postos de traballo no territorio e resolva as necesidades básicas da nosa poboación".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade