Centos de persoas asisten este domingo á XXV Mostra do Aceite de Oliva de Quiroga
A festa celébrase por primeira vez en marzo e non en maio e no centro da vila
O coñecido chef galego Kike Piñeiro, o primeiro embaixador do aceite de oliva de Quiroga
En Quiroga poñen hoxe en valor o seu produto estrela: o aceite. Catas, elaboración de aceite nun muíño artesanal... Son só algunhas das actividades que teñen organizadas para hoxe. A Mostra do Aceite de Quiroga chega este ano á súa vixésimo quinta edición cun cambio de escenario e de data.
"Hai máis espazo, máis servizos e creo que foi un acerto que se está demostrando agora coa cantidade de xente que hai", di José Luis Rivera, alcalde de Quiroga.
Por primeira vez celébrase na vila. E non en maio como era tradicional, senón nesta ultima fin de semana de marzo. E este domingo tamén por primeira vez na historia da mostra, houbo pregón para enxalzar a calidade do aceite de oliva de Quiroga, un produto que conta desde agora cun embaixador, o coñecido chef galego Kike Plñeiro.
"É o primeiro ano que fan unha aposta deste tipo e que te elixan a ti o primeiro pois... Espero representar o traballo que hai detrás, estou moi emocionado", explica Kike Piñeiro.
"As analíticas do aceite de oliva que se fan en Córdoba din que o de Quiroga é dos mellores do mundo", engade o alcalde., un dos organizadores.
Cociñeiros profesionais fan demostracións culinarias explicadas en directo e tamén se realizan catas comentadas deste aceite. Os postos de venda ocupan a praza do auditorio. E o histórico muíño de aceite de Bendilló segue mostrando o proceso tradicional de elaboración deste produto. O obxectivo dos promotores é destacar e recoñecer a calidade do aceite de Quiroga e ao mesmo tempo impulsar o turismo local.