Prohibida a captura do polbo en Galicia ata xullo
O plan de recuperación da especie amplia a veda de dous a tres meses nesta campaña

En Galicia non se poderá pescar polbo durante tres meses. Comeza unha parada dun mes, durante todo abril, previa á veda biolóxica habitual de maio e xuño. O motivo, a entrada en vigor do Plan de Xestión do Polbo, que amplía o tempo de inactividade para protexer o período de reprodución da especie e intentar mellorar o recurso nas augas de Galicia.
O plan afecta a todas as embarcacións de artes menores, pero tamén á pesca deportiva e recreativa. Está prohibido pescar polbo e tamén será motivo de sanción a súa presenza nos barcos, a súa descarga, almacenaxe, venda e comercialización durante o período de inactividade.
A partir do 1 de xullo poderase volver capturar polbo. O Plan de xestión publicado no Diario Oficial de Galicia detalla as condicións que deberán cumprir na campaña 2025-2026 os profesionais que se dedican á pesca do polbo en Galicia.