O Porto de Ferrol cede ao Concello máis de 200.000 metros cadrados de solo
O alcalde ve "clave" estes terreos para desenvolver a Cidade do Deporte e avanzar no proxecto de abrir a cidade ao mar

O presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena, catalogou como un "fito histórico" a cesión gratuíta de máis 200.000 metros cadrados da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao ao Concello de Ferrol, tras un longo proceso administrativo iniciado no ano 2018.
O integrante do Goberno do Estado tamén destacou "a colaboración interadministrativa" entre o Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia e o Goberno central, "esencial para superar os trámites" e lograr desta maneira "a desafectación do dominio público que permitirá destinar estes terreos a usos urbanos, deportivos e sociais, mellorando a calidade de vida dos cidadáns".
Ditas manifestacións realizounas no acto de firma ante notario da cesión entre o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e o alcalde, José Manuel Rey Varela.
Na casa do concello estivo, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Rodríguez Dapena detallou que esta iniciativa "reflicte o novo marco estratéxico portuario, que equilibra dimensión económica, ambiental e social", ao mesmo tempo que destacou "as iniciativas que temos en marcha, como a rexeneración da fronte marítima e a aposta por enerxías limpas", en alusión á eólica mariña e combustibles sostibles.
Esforzo a todos
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, incidiu en que "Ferrol vive un fito coa culminación deste proxecto, un esforzo colectivo que simboliza o froito de seis anos de traballo coordinado entre administracións".
"A colaboración, sen cores políticas, entre o Goberno de España, o Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia e outras entidades, están a lograr revitalizar a cidade", insistiu Blanco.
Tamén detallou que o Goberno central, a través dos ministerios de Transportes, Industria e Defensa, así como Portos do Estado, "impulsaron iniciativas de "carga de traballo para Ferrol e poder así recuperar o seu dinamismo", e que "tanto da actual corporación municipal como a anterior tiveron e teñen "lealdade institucional como clave para o progreso".
Uns terreos "clave" para a Cidade do Deporte
Pola súa banda, o alcalde trasladou que, para o Consistorio, estes terreos son "clave para desenvolver a Cidade do Deporte e outros proxectos urbanísticos".
De feito, permitirá ao Concello licitar obras valoradas en 18 millóns de euros e avanzar no seu proxecto de Abrir Ferrol ao Mar.
José Manuel Rey Varela subliñou a cooperación entre administracións "como motor do progreso da cidade" e lembrou que, desde que en 2018 empezouse este camiño, gobernaron tres corporacións distintas.
Por último, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, cualificou esta cesión como "un dos momentos máis gratificantes" e que este paso reflicte o compromiso das institucións públicas co progreso de Ferrol e o benestar dos seus habitantes.