Publicador de contidos
Publicador de contidos

O plan do Corredor Atlántico prevé máis de 4.500 millóns de euros para Galicia ata 2030

O plan do Corredor Atlántico prevé máis de 4.500 millóns de euros para Galicia ata 2030

Así o anunciou o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente

Destinaranse 3.555 millóns no ámbito ferroviario, 801 en infraestruturas viarias e 293 en portos

Alfonso Rueda avogou por deixar de lado as ideoloxías para conseguir melloras que beneficien a todos

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente (2i), o presidente da Xunta, Alfonso Rueda (c); e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey (2d), entre outros, antes da presentación. (EFE/Kiko Rueda)
G24.gal 16/05/2024 15:35

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, presentou este xoves na Coruña os avances do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia, co que se investirán máis de 4.500 millóns de euros ata 2030 e para o que se creará un grupo de traballo coa patronal galega e a Xunta co obxectivo de avaliar e axilizar as distintas actuacións.

O Corredor Atlántico atravesa 13 comunidades autónomas e conta con 3.880 quilómetros de rede convencional ferroviaria e 1.533 quilómetros de alta velocidade. Para presentar os avances de dito plan en Galicia, Óscar Puente viaxou desde Madrid ata A Coruña nun dos novos trens de alta velocidade de Renfe, o S106, que está circulando en probas de carácter comercial e que se prevé que estean en funcionamento o próximo 21 de maio.

Segundo explicou o comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián Ruiz, destinaranse un total de 3.355 millóns de euros no ámbito ferroviario durante os próximos 6 anos. 

En canto a infraestruturas viarias, a comunidade investirá 801 millóns de euros ata 2030, destacando obras na A-55, AC-11 e AP-9. Por outra banda, destinaranse 436 millóns a nivel urbano, destacando proxectos como a construción e modernización das estacións intermodais de A Coruña, Ourense, Lugo, Vigo e Santiago, así como as estacións de mercancías de Vigo, Lugo, As Gándaras e Monforte.

En canto aos portos, investiranse 293 millóns de euros nos peiraos de Vigo, Vilagarcía, Marín ou Ferrol, ademais das obras do porto de Punta Langosteira na Coruña

Dende o Ministerio traballan para que en 2026 o porto exterior estea conectado por tren co porto interior, o que para Puente "supón todo un reto técnico" que permitirá "mover mercancías coa intermodalidade tren-barco".

No acto, ademais de Óscar Puente, estiveron presentes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián; o presidente dos Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena; o presidente de Adif, Ángel Contreras; e o presidente de Renfe, Raúl Blanco.

O presidente da Xunta valorou que Óscar Puente estivera aberto a aumentar a oferta de prazas se crece a demanda, que sería cuberta coa chegada dos trens S107 o ano próximo. Rueda afirmou que se trata dun día "importantísimo" para Galicia porque da un "paso fundamental"  en materia ferroviaria, pois a chegada dos trens Avril contribuirá ao aumento de prazas e a unha baixada dos prezos.

O máximo mandatario da Xunta apostou ademais pola colaboración entre as distintas institucións para "aproveitar todas as oportunidades", sinalando que hai que apartar as discrepancias ideolóxicas para conseguir avances que benefician a todos.

Pola súa parte Rey asegurou que os novos trens Avril son "un paso histórico" e que o Corredor Atlántico une Galicia coa Península e Europa coma nunca antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade