Aduanas comisou 1.400 quilos de droga en colectores no porto de Vigo no 2024
Aduanas comisou 1.400 quilos de droga en colectores no porto de Vigo no 2024
Os especialistas din que "é como buscar unha agulla nun palleiro"
Polo porto de Vigo pasaron en 2024 arredor de 300.000 contedores de todo tipo de mercadorías, dos que os servizos de control fronteirizo revisaron dezaseis mil, e os axentes de Aduanas e a Garda Civil inspeccionaron a fondo catro mil potencialmente sospeitosos, nos que atoparon mil catrocentos quilos de droga.
O estudo previo permite seleccionar os contedores que serán revisados
"Aquí, cando un barco chega de fóra da Unión Europea, con destinos quentes como poden ser Colombia ou O Brasil, o primeiro que se fai é analizar a documentación que nos mandan os importadores, as navieiras, e así decidimos que controis facemos en función do risco", di Eduardo, axente do servizo de Aduanas
"En función diso imos abrindo contedores; o ano pasado abrimos tres mil e pico, ou sexa, non é chegar e atopalo, non. Hai un traballo previo e, obviamente, ao mellor abrimos cen e de cada cen atopamos un, non é algo tan sinxelo", engade Javier, responsable da inspección fiscal da Garda Civil na terminal de contedores viguesa.
"Na terminal hai máis de duascentas cincuenta cámaras, que controlan todos os movementos da operativa, e iso está moi ligado coa actividade das forzas e corpos de seguridade do Estado, especialmente da Garda Civil", sinala Pablo González, responsable de xestión da terminal de contedores.
Incremento claro da chegada de drogas nos últimos anos
O número de inspeccións realizadas converteu o porto de Vigo no que mais contedores revisa, porcentualmente, de España. Os axentes fan un estudo previo das mercadorías, rutas e navieiras, para decidir cales contedores someten a revisión. Os expertos admiten que nos últimos anos observan un incremento claro da chegada de distintos tipos de drogas, nun número de contedores cada vez maior, polo que recoñecen que a busca de mercadorías prohibidas é como buscar unha agulla nun palleiro.