Propoñen crear un grupo de traballo para estudar como combater os danos do xabaril
Trátase de buscar os fallos nas medidas de control actuais e procurar solucións á expansión destes animais salvaxes
Os últimos accidentes causados polos xabarís volveron poñer de actualidade a proliferación destes animais salvaxes en Galicia.
"Desde que hai contaxes fiables, desde 1985, ten aumentado nun 700 % a poboación de xabaril na península Ibérica e, nos últimos dez anos, multiplicáronse por 3 os accidentes de tráfico. Isto é para a península Ibérica e Galicia non é diferente", di Xiana Albor, consultora ambiental.
Preocupan tamén os danos na agricultura. A Xunta destina millón e medio de euros a compensar os labregos pero esa cantidade só supón o 10 % dos estragos reais. Faltan depredadores e os métodos que se empregan para combatelos non están a dar o resultado desexado.
"Cázanse uns 20.000 xabarís ao ano pero non é suficiente. Temos que intervir doutras maneiras. Entendemos que hai que probar outros sistemas complementarios da caza: gaiolas grandes onde poidamos capturar grupos de xabarís enteiros que entran nos cultivos e intervir en zonas críticas, movelos das aldeas, facer as limpezas necesarias para que non atopen refuxio. As zonas urbanas son competencia municipal pero ten que haber unha colaboración clara da Xunta de Galicia porque é a responsable da xestión da fauna salvaxe", di Jacobo Feijoo, responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias, o sindicato que propón a creación dun grupo de traballo coas Administracións e os colectivos afectados.
Ademais dos danos que fan, a convivencia cos xabarís supón un risco de transmisión de enfermidades para o gando e tamén un perigo para as persoas.