Un veciño de Coristanco conduce borracho e sofre un accidente tras levarlle o coche a súa nai
O chofer acabou a súa viaxe nunha saída de vía á entrada da Laracha e incapaz de atender as indicacións da patrulla de Tráfico
Preto da gasolineira do Chamusco, á entrada da Laracha, foi onde acabou a viaxe do condutor ebrio que a tardiña do domingo puxo en perigo a seguridade viaria nesta estrada.
Ía nun Citroën C1 e, despois dunha viaxe facendo eses, saíu da calzada pola marxe dereita e foi parar ao pé do peche vexetal dunha vivenda.
Ao lugar desprazouse unha patrulla de Tráfico, que se encontrou cun chofer de 35 anos que tiña tal grao de borracheira que non era capaz de diálogo nin de manterse en vertical, nin de soprar o alcolímetro. Ante esa situación, os gardas pediron a intervención de persoal de Urxencias Sanitarias, que o trasladaron ao PAC da Laracha.
Deseguido, avisaron a propietaria do coche, que se presentou no lugar do accidente, onde explicou que o condutor é o seu fillo e que collera o coche sen autorización.
A Garda Civil tramita denuncia penal contra o chofer por condución temeraria e delito contra a seguridade viaria.