Un helicóptero do exército cae na Serra de Cameros e deixa un ferido
Trátase dun helicóptero NH90 do Batallón de Helicópteros de Manobra III (BHELMA III), con base en Agoncillo (A Rioxa), pertencente ás Forzas Aeromóbiles do Exército de Terra
Tres tripulantes quedaron ilesos no accidente que tivo lugar mentres realizaba un voo de instrución con lentes de visión nocturna

Un helicóptero do Exército de Terra sufriu un accidente o mércores pola noite mentres realizaba un voo de instrución na Serra de Cameros da Rioxa. Tres dos tripulantes quedaron ilesos e outro foi trasladado a un hospital próximo tras sufrir unha fractura na perna, segundo informou o Ministerio de Defensa.
Trátase dun helicóptero NH90 do Batallón de Helicópteros de Manobra III (BHELMA III), con base en Agoncillo (A Rioxa), pertencente ás Forzas Aeromóbiles do Exército de Terra (FAMET). O accidente tivo lugar mentres realizaba un voo de instrución con lentes de visión nocturna na Serra de Cameros. Cara ás 22:00 horas precipitouse preto da N-111, no termo municipal de Nestares, segundo puido coñecer Europa Press.
Ata o lugar dos feitos desprazáronse Servizos de Emerxencias do Servizo Rioxano de Saúde, Bombeiros do Concello de Logroño e efectivos de Tráfico da Garda Civil para regularen o tránsito dos vehículos.
A bordo viaxaban catro militares, dos cales tres saíron ilesos e outro rompeu a perna. Este último permanece actualmente hospitalizado á espera de intervención cirúrxica, segundo detallou Defensa. As causas do incidente aínda non se coñecen e están a ser investigadas polas autoridades competentes para esclarecer o sucedido.