O código portugués de circulación obriga a pagar as multas no momento
Un condutor galego que cometa unha infracción de tráfico en Portugal arríscase a quedar temporalmente sen carné, a menos que faga o depósito no momento
Os axentes reteñen o carné e substitúeno por un certificado provisional que só é válido no territorio nacional portugués
O documento orixinal só se dá de volta cando se fai o pagamento
Para asegurar o cobro das multas de tráfico, o código da Estrada portugués contempla o pagamento inmediato das mesmas. Se o condutor non está de acordo coa sanción e quere recorrer, debe facer, aínda así, un depósito polo valor mínimo da multa. Ata que o faga, os axentes poden confiscarlle tanto o carné do conducir como a documentación do coche, dependendo da infracción.
"Non tes opción: ou pagas ou constitúes o depósito nese momento ou pides o aprazamento de 48 horas e nese momento retéñenche a documentación", explica Carmen Silva Fernández, avogada especializada en multas de tráfico.
Segundo datos da Unión Europea, o 40 % das sancións impostas nun segundo país quedaban sen cobrar. "Eu creo se fartaron de que a xente pasase por aí sen pagar". "Intentaría pagar, antes de que me reteñan a documentación e todo". "En principio negaríame a dala, pero se é obrigatorio...". "Eu creo que os países teñen que buscar algún sistema para cobrar as multas. A España pásalle o mesmo", comentan varios condutores.
A norma é a mesma para os condutores portugueses que para os estranxeiros. O prazo para recorrer a sanción por vía administrativa é de 15 días.
"A recomendación é buscar un avogado en Portugal que coñeza plenamente a lexislación e que nos poida facer as alegacións nun prazo de quince días porque se che dan a razón, vanche devolver toda a contía depositada", aconsella Carmen Silva.
En caso de non pagar a sanción, poderían incluso reter o vehículo como garantía.