A reorganización do tráfico en Lugo por obras de saneamento orixina retencións nas horas punta
Obras de saneamento obrigaron ao corte dunha rúa na zona das Casas Baratas e a reorganizar o sentido da circulación en varias rúas
Nas horas de tráfico intenso rexistranse algunhas retencións e circulación lenta
As obras de mellora de saneamentos que se están a levar a cabo en Lugo obrigaron a cortar algunha rúa e a cambiar o sentido de circulación noutras. Sumado a que son vías que dan acceso a unha das avenidas máis transitadas da cidade, supón a que se estean a reproducir atascos día tras día nas horas punta de tráfico de vehículos, poñendo a proba a paciencia dos condutores.
Son fonte de malestar entre algúns condutores. "Levo tres ou catro voltas á cidade para recoller un paquete. Agora mesmo é un desastre entre os cambios e a falta de aparcadoiros".
Cambiaron o sentido da circulación en varias rúas que conflúen coa avenida da Coruña, unha das vías con máis tráfico da cidade. Nos momentos de maior intensidade de tráfico, os atascos están á orde do día.
"Ao mediodía hai moitos atascos en dirección á avenida da Coruña". "Desviouse o tráfico para esta rúa. Cando abre o semáforo tamén abre o paso de peóns e os coches teñen que agardar para pasar. Fórmanse unhas colas que chegan ao final da rúa", comentan comerciantes da zona. "Ás veces é imposible. O outro día estiven media hora parada nunha retención", di unha condutora que ten praza de garaxe nunha das rúas afectadas polo cambio de sentido.
Son cambios provisionais que algúns levan con máis paciencia que outros. Está previsto que estes traballos acaben en marzo.