Unha cafetería de especialidade de Sarria figura entre as cen mellores en todo o ámbito estatal
Trátase do único establecemento destas características no Camiño Francés entre León e a capital galega
Ofrecen só os mellores cafés, importados de diversos países produtores. Son as cafeterías de especialidade, que aos poucos van gañando adeptos. Recentemente, abriu as súas portas en Sarria o único establecemento destas características presente no Camiño Francés nos 300 quilómetros que separan León da capital galega.
Wilmar Machado, barista e xerente de Guayoyo Specialty Coffee: "Unha cafetería de especialidade é toda aquela que traballa con café cento por cento variedade arábiga, cun estándar mínimo de calidade, que son 80 puntos Specialty Coffee Asotiation. Comparados co mundo do viño, comparámonos cos gran reserva".
Dende hai escasos días, este local sarriao figura, de feito, entre as cen mellores cafeterías de especialidade en todo o ámbito estatal. Así foi certificado por The Best Coffee Shops, que é unha listaxe coñecida como as estrelas Michelín do mundo cafeteiro.
Wilmar Machado, barista e xerente de Guayoyo Specialty Coffee: "Valóranse a habilidades do barista, o confort do local ou a atención ao cliente. É o que esixen e que avalían, a través dun xuíz que visita o local sen presentarse".
Aos recoñecementos oficiais súmanse as recensións positivas dos clientes, que lle outorgan cinco estrelas a esta cafetería.