Os edís expulsados do PSOE reafirman o seu apoio aos presupostos municipais de 2025
Avanzou que apoiarán tamén a modificación puntual do PXOM que permita desbloquear a operación Peleteiro porque supón volver ao proxecto de 2022 do goberno socialista

A concelleira do grupo municipal do PSOE en Santiago, Mercedes Rosón, sobre a que pesa un expediente de expulsión por parte do partido, remarcou que tanto ela como os tres compañeiros de bancada que están na mesma situación orgánica, apoiarán os orzamentos do Goberno local para 2025.
Rosón manifestouse deste xeito despois de que a dirección local do PSOE aclarase que o voto dos dous concelleiros que non foron expedientados aínda non está decidido a pesar de que o grupo municipal asinase un acordo co executivo bipartito BNG e Compostela Aberta.
O acordo entre o grupo socialista e o Goberno local asinouse en xaneiro e aínda que o secretario municipal resolveu nun informe que todos eles pertencen ao mesmo grupo ata que a resolución sexa firme, non está claro que os seis representantes electos do partido manteñan a unidade de voto.
Mentres que os catro concelleiros expulsados apoiarán as contas tal e como acordaron coa alcaldesa, os outros dous, Sindo Guinarte e Marta Abal, condicionan o seu respaldo a “unha maior concreción e ambición” nas contas.
Ademais, manteñen que a decisión se tomará de forma conxunta coa dirección local do Partido representada polo seu secretario xeral, Aitor Bouza.
A este fío Rosón insistiu que ela e os seus compañeiros non van xogar “á ambigüidade para crear suspense” aínda que haxa “quen queira xogar a isto mesmo cos orzamentos”.
“Nós preferimos ser responsables e sinceras”, insistiu.
Avanzou que apoiarán tamén a modificación puntual do PXOM que permita desbloquear a operación Peleteiro porque supón volver ao proxecto de 2022 do goberno socialista de Xosé Sánchez Bugallo que "foi bloqueado co voto en contra do PP e as abstencións do BNG e Compostela Aberta.
Rosón dixo que o seu grupo será “coherente, responsable e sensato” a pesar de que a alcaldesa, antes na oposición, priorizou “intereses electorais” e optou pola abstención nunha votación similar.
A socialista admite que este proxecto contempla un maior numero de vivenda protexida, pero insiste en que este cambio responde o compromiso do Goberno do Estado coa vivenda e “garda máis relación coa creación dunha empresa estatal pública de vivenda que a unhas presuntas negociacións da alcaldesa”.