O sector do taxi denuncia prácticas abusivas por parte das compañías aseguradoras
O colectivo de taxistas afirma que o encarecemento dos seguros estaos a levar a unha situación insostible
Aseguran que as compañías lles están a incrementar as pólizas, con condicións inflexibles e primas inasumibles, que chegan a alcanzar os 4.000 euros anuais
Piden que o Goberno central actúe e medie co Consorcio de Compensación de Seguros
O sector do taxi fala de "prácticas abusivas" por parte das compañías aseguradoras e denuncia o que consideran "primas desorbitadas" ou inasumibles.
O colectivo de taxistas afirma que o encarecemento dos seguros estaos a levar a unha situación insostible.
"Temos compañeiros que no prazo de dous meses van quedar sen seguro, porque xa lles chegou a carta de non renovación a pesar de non teren ningún accidente, despois cando venza o seguro fanlle unha proposta de renovación cun incremento do 150 ou 200 % e á vez coa obrigatoriedade de facer unha póliza de accidentes ou de decesos, algo que o compañeiro non tiñan intención nin necesidade de facer", di Ricardo Villamisar, presidente da Federación Galega de Taxi.
Os taxistas defenden que non son un sector que teña unha alta sinistralidade.
"O 90 % dos accidentes que temos son de responsabilidade contraria pero penalízannos igual. O que cremos é que nos engloban no apartado de VTC e repartidores", engade.
"Eu estaba pagando 1.300 euros anuais, o ano pasado sen ningún parte subiume 600 euros e este ano outros 600 euros", asegura Antonio Río, taxista.
Aseguran que hai taxistas que están paralizando a súa actividade porque non poden facer fronte ao incremento dos seguros. A situación, segundo din, agrávase nos concellos pequenos, porque alí os taxistas teñen seguros altos pero menos carga de traballo.
"Hai moitos compañeiros que están a paralizar a actividade porque non lles compensa saír a traballar con prezos do seguro de 4.000 euros.
O Consorcio de Compensación de Seguros, aínda que é un organismo independente, ten unha estrutura que está regulada polo Estado, por tanto, o Goberno ten que mediar e buscar unha solución, porque senón no futuro non haberá servizo público de taxi", asegura o presidente da Federación Galega de Taxi.
