Unha estrada de Cospeito está en tan mal estado que resulta intransitable
Os veciños teñen que dar longos rodeos, de ata oito quilómetros máis, para evitar as fochas
Fartos de insistir para que lles arranxen o firme, instalaron un cartel onde se advirte do perigo
A estrada que une as parroquias de Xermar e de San Martiño de Lamas, en Cospeito, está tan chea de fochancas que nalgún tramo mesmo resulta intransitable. Así o denuncian os veciños da zona, que se queixan das avarías que provoca nos seus vehículos o mal estado do firme.
A pista, que é de titularidade municipal, ten unha lonxitude de apenas catro quilómetros. Así e todo, dálle un importante servizo á veciñanza, posto que lle evitar ter que dar un rodeo moito máis longo.
"Hai cousa de quince días que tiven que cambiar as rodas dianteiras por cousa das fochas que hai aquí", quéixase un veciño.
Os residentes nas parroquias afectadas aseguran que levan anos reclamando a renovación do pavimento. Polo momento non o conseguiron, polo que decidiron instalar un cartel no que se advirte da perigosidade desta estrada.
"Ás veces paran diante das nosas casas coches coas rodas rebentadas e teñen que chamar o guindastre porque hoxe en día non levan roda de reposto", sinala outro residente na zona.
Mentres a pista non se amaña, os veciños seguen dando rodeos de ata oito quilómetros para evitar danos nos coches, cando non van directamente a pé.