OPINIÓN
Un risco inasumible para a conserveira galega, por María Bastida
A industria conserveira galega, líder en Europa, afronta estes días unha ameaza que xa non é hipotética: a liberalización do comercio de atún con Tailandia no marco do novo acordo comercial que negocia a Unión Europea. O presidente da Xunta Alfonso Rueda reiterou o seu compromiso de loitar para que o atún quede fóra dese tratado, unha esixencia que non é política, senón de estrita racionalidade económica.
Galicia non é unha rexión máis neste sector. Concentra máis do 85 % da produción nacional de conservas de peixe e marisco, e o atún representa preto do 70 % dese volume. Falamos dun sector tractor que xera máis de 12.000 empregos directos, moitos deles femininos, e que vertebra a economía de numerosas localidades costeiras. A súa capacidade exportadora, a súa aposta pola sustentabilidade e o cumprimento dos estándares comunitarios convertérona nun exemplo de industria competitiva e responsable. É, ademais, unha actividade intensiva en coñecemento e en innovación e actúa como vector de cohesión territorial en moitas comarcas do litoral galego.
Por iso preocupa que a UE poida abrir as súas portas ao atún tailandés sen esixir o mesmo nivel de esixencia que impón á súa propia industria. A entrada masiva de conservas a baixo prezo distorsionaría o mercado e poñería en xaque un tecido empresarial que investiu durante anos en trazabilidade, controis sanitarios, condicións laborais dignas e respecto ambiental. Nunha palabra: competencia desleal.
Non se trata de proteccionismo, senón de coherencia normativa e responsabilidade estratéxica. Tailandia, primeiro produtor mundial de conservas de atún, opera con custos moi inferiores grazas, entre outras cousas, a unha regulación moito máis laxa en sustentabilidade e loita contra a pesca ilegal (IUU). A recente reforma da súa lei de pesca —máis permisiva aínda— coincide sospetoisamente coa continuación das negociacións con Bruxelas.
O precedente do Vietnam demostra o risco: tras o seu acordo coa UE, logrou un continxente libre de aranceis de 11.500 toneladas. A industria galega calcula que Tailandia podería duplicar esa cifra en só dous anos, co consecuente impacto sobre prezos, marxes e emprego. E non falamos só de latas: falamos de familias, de comunidades e dunha cadea de valor estratéxica para Galicia e para España.
Europa debe decidir se quere seguir promovendo unha política comercial baseada en valores, como proclama, ou se está disposta a sacrificar sectores clave por uns puntos de PIB. A industria conserveira non pide privilexios, senón igualdade de regras. E Galicia, con razón, pide ser escoitada.