Interese polo pacto dos pais de La Salle de Santiago de non mercar móbil aos de 1.º da ESO
Interese polo pacto dos pais de La Salle de Santiago de non mercar móbil aos de 1.º da ESO
Tres de cada catro familias do centro firmaron o acordo
Na ANPA contan que varios colexios xa lles pediron información sobre a iniciativa
Son xa varios os centros escolares interesados en emular o pacto que fixeron as familias do colexio La Salle de Santiago. Decidiron comprometerse por escrito a non mercarlles un móbil aos fillos e ás fillas cando entren na ESO. Tres de cada catro familias asinaron o acordo. O resultado tivo unha repercusión notable que segue crecendo.
Fernando Rodríguez de la Torre, directivo da ANPA do centro, explica que escolleron precisamente ese primeiro curso da ESO porque detectaron que na etapa de Primaria o alumnado con teléfono móbil supón o 10 por cento, e ao entraren na ESO esa porcentaxe salta ao 99 por cento.
Houbera dous precedentes dun proxecto similar en Cataluña e no País Vasco. E había moitos ollos pendentes da aceptación desta proba en Galicia. Agora, centros escolares de Santiago e doutros puntos de Galicia xa lles pediron información sobre a maneira en que o fixeron. De la Torre conta que xa se van reunir con algún colexio este mesmo xaneiro.
Dende xaneiro de 2024 a Xunta prohibe o uso do móbil no colexio. Na rúa, na casa, o do móbil, depende. Lembran na ANPA que os expertos coinciden en que non se debería ter móbil ata os 16 anos, pero que as familias acaban caendo pola presión social, para evitar que o fillo ou a filla sexan os únicos da clase sen teléfono. Co de non mercarlles móbiles aos que entran na ESO pretenden combater esa presión social.
Non falan dos móbiles sen datos nin dos de reloxo para falar coa familia, loitan contra os teléfonos con aceso a Internet a idades inmaturas. E o debate continúa.