Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre unha anciá de 89 anos tras ser atropelada en Vilalba

Morre unha anciá de 89 anos tras ser atropelada en Vilalba

A muller foi atropelada esta mañá por un vehículo cando cruzaba a estrada que comunica Vilalba con Paraxes

Dáse a circunstancia de que o condutor que manexa o vehículo que a atropelou era un familiar político da vítima.

G24.gal 09/01/2025 08:49 Última actualización 09/01/2025 13:59

Accidente mortal no concello lugués de Vilalba. Unha muller foi atropelada cando atravesaba a LU-120 que une Vilalba con Paraxes, á altura de Árbol, no quilómetro 8.

Ocorreu contra as 07:36 deste xoves. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención da Garda Civil de Tráfico. Cando chegaron ao lugar, os servizos sanitarios confirmaron o falecemento da persoa. A vítima tiña 89 anos e era veciña de Vilalba.

"Trátase dun sinistro víal acontecido no quilómetro 9 da estrada LU-120. Un turismo atropelou un peatón co resultado dunha persoa falecida. A vítima é unha muller de 89 anos", explica o sarxento do destacamento de Tráfico de Vilalba Marcos López.

O suceso produciuse a poucos metros da vivenda da muller falecida, e ademais dáse a circunstancia de que o condutor que manexa o vehículo que a atropelou era un familiar político da vítima.

Tras o levantamento do cadáver, a Garda Civil de Tráfico tomou as mostras oportunas no lugar do sinistro para levar a cabo a investigación pertinente.

"O equipo de investigación de sinistros viais con base en Lugo encárgase da investigación. As causas aínda están por determinar, pero sábese que foi a unha hora con iluminación case nula e a persoa atropelada non levaba ningunha prenda reflectante que axudase a detectar a súa presenza na vía", sinala o sarxento do destacamento de Tráfico de Vilalba Marcos López.

O sinistro produciuse nun cambio de rasante e na zona moitos veciños sinalaban ademais que se trata dunha estrada sen iluminación e que a miúdo rexistra unha intensa néboa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade