Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG sitúa a vivenda como o problema central de Galicia para este 2025 e esixe medidas para atallalo

O BNG sitúa a vivenda como o problema central de Galicia para este 2025 e esixe medidas para atallalo

Falou dos pisos protexidos e incidiu na necesidade de alcanzar 16.000 vivendas públicas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha conferencia de prensa, hoxe xoves en Santiago de Compostela (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 09/01/2025 13:09

O BNG arrincou este xoves a súa actividade no Parlamento coa primeira reunión do novo período de sesións para definir as prioridades para o ano 2025 entre as que situou a vivenda como “problema central” que hai que atallar con “medidas de calado”.

En rolda de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou unha batería de iniciativas para buscar solución á situación que atravesa Galicia, onde acceder a unha vivenda é “misión imposible” para moitas familias e para a poboación nova.

Para paliar esta problemática, falou dos pisos protexidos, reiterando a súa petición para que as vivendas que se constrúan baixo esta denominación teñan este carácter de forma permanente para aumentar "de forma estrutural o número de vivendas que hai fóra da especulación".

O BNG incidiu na necesidade de alcanzar 16.000 vivendas públicas en dúas lexislaturas fronte á promesa da Xunta de construír 4.000 vivendas en só este mandato, tendo en conta que no anterior só foron capaces de sacar adiante 162.

Así mesmo, os nacionalistas reclaman, entre outras medidas, aumentar o parque público, limitar o prezo do alugueiro, controlar o auxe das vivendas de uso turístico, aprobar a declaración de mercados tensionados nos concellos que o solicitaron e frear os desaloxos por falta de pagamento.

Pontón subliñou a importancia de colocar "o dereito á vivenda" no centro do debate público porque "é básico" que todo o mundo teña acceso a un teito en condicións dignas e pediu á Xunta un cambio de rumbo, xa que o PPdeG, ao seu xuízo, "é directo responsable" da situación actual tras levar 15 anos "dinamitando a política de vivenda" e agora aprobar medidas que unicamente favorecen a "construtoras e rentistas", opinou.

Máis aló da vivenda, o BNG asegurou que continuará poñendo no foco do debate público outros asuntos de relevancia para a sociedade galega como a defensa dos servizos públicos, o coidado de persoas maiores, a necesidade dun status que outorgue maior capacidade de decidir a Galicia, a perda de falantes do idioma galego, o rexeitamento ao espolio eléctrico ou a fuga de talento en ámbitos como a ciencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade