Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comisan máis dunha tonelada de cocaína nun contedor no porto de Vigo e deteñen nove persoas

Comisan máis dunha tonelada de cocaína nun contedor no porto de Vigo e deteñen nove persoas

A droga foi localizada nun buque de bandeira de Chipre que procedía de Ecuador

G24.gal 09/01/2025 12:38 Última actualización 09/01/2025 21:27

Axentes da Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira incautáronse este mércores de máis de 1.000 quilos de cocaína nun contedor que chegara ao porto de Vigo, o que derivou na detención de nove persoas.

Segundo informaron fontes coñecedoras da investigación, o operativo desenvolveuse na xornada deste mércores e a droga foi intervida no buque Cape Citius, atracado en Guixar, que navega baixo bandeira de Chipre, e procedía de Ecuador.

A implicación da tripulación e dos armadores do barco dáse por descartada. De feito, ás cinco da tarde deste mércores o cargueiro abandonaba o peirao. Nestes momentos navega xa cara a Málaga.

Os arrestos efectuáronse no centro comercial Vialia, onde os clientes que estaban de paseo u ou nas rebaixas quedaron abraiados co operativo de policías de paisano. O xulgado número catro de Vigo desenvolve a investigación que, a última hora da xornada do mércores, mantíñase aberta e o caso declarado secreto.

Fontes próximas á investigación consideran que estamos diante dun un operativo histórico que desmantela un importante cartel dos Balcáns

Pola súa banda, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, que este xoves inaugurou en Tui (Pontevedra) a nova sede do Centro de Cooperación Policial e Aduaneira (CCPA), afirmou que houbo unha "operación antidroga importante", que se atopa xudicializada.

"Deixemos que sigan o desenvolvemento da investigación e conclúa o operativo. Isto o que deixa ben ás claras é, realmente, a profesionalidade e a capacidade dos nosos corpos e forzas de seguridade para facer fronte a unha problemática como son as organizacións criminais e, neste caso, as dedicadas ao narcotráfico", sinalou.

Os nove detidos, que permanecen na Comisaría da Policía Nacional de Vigo, pasarán a disposición xudicial entre o venres e o sábado e son de orixe serbio e albanés. O método empregado para mover a droga é o denominado gancho cego, que consiste en introducir a droga nun contedor que leva mercadorías legais e recollela antes de que eses produtos sexan entregados ao cliente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade