Polo menos dezaoito mortos e 72 feridos en tres accidentes de autobús en Colombia
Polo menos dezaoito mortos e 72 feridos en tres accidentes de autobús en Colombia
Arredor de oito mil persoas morren anualmente nas estradas colombianas
O máis grave dos accidentes deste sábado tráxico nas estradas colombianas rexistrouse ás sete da mañá, cando un autobús con 42 persoas a bordo caeu por un barranco, na estrada Panamericana, ó seu paso polo departamento de Nariño. Once persoas morreron no acto, e dúas mais faleceron cando eran evacuadas; outras 29 persoas quedaron feridas, varias delas graves.
Os ocupantes do autobús sinistrado eran dous condutores e corenta turistas colombianos que viaxaban desde Cali a un santuario próximo á fronteira con Ecuador.
Un dos autobuses foi gravado circulando a gran velocidade
Mentres a policía investiga se o autobús tivo algún problema técnico, os medios colombianos difundiron imaxes gravadas minutos antes do sinistro, nas que o autobús circula a moita velocidade polas curvas da zona onde se esnafrou.
Pouco tempo antes, na mesma estrada e no mesmo departamento, un desprendemento de terra e pedras provocaba o accidente doutro autobús. Unha persoa morreu e outras catro quedaron feridas neste sinistro.
O terceiro dos accidentes mortais, tamén relacionado co transporte de viaxeiros polas estradas colombianas, foi o que sufriu un autobús que caeu por unha ponte na estrada Medellín-Bogotá; tres persoas morreron e outras 39 quedaron feridas neste caso.
Arredor de oito mil persoas morren anualmente en Colombia en accidentes de tráfico.