O Nadal deixa en Galicia seis vítimas mortais en accidentes de tráfico
O Nadal deixa en Galicia seis vítimas mortais en accidentes de tráfico
O último falecido é un motorista que bateu contra un coche en Vilagarcía
O ano pasado rexistráranse o dobre de mortos nas estradas galegas
En dúas semanas houbo case tres millóns de desprazamentos na comunidade
O motorista falecido na recta de Rubiáns na N-640 é a segunda vítima mortal deste Nadal en Vilagarcía. O home tiña 37 anos e traballaba repartindo comida a domicilio. A súa moto bateu contra un taxi fóra de servizo que manobraba para entrar nunha gasolineira, no que ían un pai e o seu fillo, que resultou ferido.
Nas últimas horas tamén se rexistrou outro accidente en Mos que deixou cinco feridos de distinta consideración, cun choque frontal entre dous vehículos na N-550 e na que a Garda Civil está a investigar as circunstancias do suceso nunha noite caracterizada polo mal tempo.
E é que no Nadal houbo incidencias de todo tipo nas estradas galegas: Dende o accidente grave causado por un condutor que ía en sentido contrario pola A-55 en Tui ás dúas persecucións polas rúas de Vigo na noite de Aninovo.
Atropelo mortal en Aninovo
O caso máis tráxico destas vacacións foi o atropelo mortal dun mozo de 18 anos en Touro na mañá do día 1. O home achegouse o autobús, que nese momento estaba xirando para saír. Un golpe tirouno o chan e unha das rodas traseiras pasoulle por enriba. O chofer non se decatou do sucedido.
En total, o Nadal deixou seis falecidos en Galicia, incluído o condutor dun tractor en Boiro que saíu da vía.
A campaña de tráfico da DXT pechouse onte na nosa comunidade con case tres millóns de desprazamentos por estrada en dúas semanas.